Xosé Carlos Arias mergullase na complexidade da dinámica de
múltiples cambios a que están sometidas a sociedade e a economía e proporá tecer un fío do que tirar: un novo contrato social
por unha economía dixital e verde, pero decididamente inclusiva, que
nos pode servir para guiarnos nos labirintos creados.
ECONOMÍA E POLÍTICA, LABIRINTOS DE PROSPERIDADE
Xosé Carlos Arias
Miguel Pérez Pereira
Amelia Pérez
Martes 26 de abril, 19 horas
Biblioteca da EMAO
Algo importante está a moverse baixo as augas antes tranquilas da economía e da política democrática. Dende hai pouco máis dunha década, a insatisfacción co comportamento da economía, os horizontes tecnolóxicos emerxentes e un visible malestar de amplos sectores sociais deron paso a unha crecente vontade de renovación do actual contrato social.
No terreo das ideas o cambio é notable. Os dogmas que marcaron o final do século XX están a dar paso a unha conversa máis aberta. Cuestións cruciais como cal é a finalidade da empresa, que papel deben xogar os Estados na economía e ata onde chega a soberanía dos mesmos, por que importa a desigualdade, como repartir mellor os riscos entre o Estado, as empresas e os traballadores, ou conciliar a procura da eficiencia económica coa xustiza social ten agora novas respostas.
A pandemia, cos seus efectos de parada e reinicio inducidos, acelerou estes cambios, polo que algúns procesos de transformación parecen proxectarse inexorablemente cara ao futuro. Destacan a chamada dobre transición, tecnolóxica e ambiental, a ruptura do que coñecemos como globalización ou a encrucillada política asociada ao malestar. De todo isto emana a oportunidade de avanzar cara unha nova prosperidade, pero o camiño estará cheo de dúbidas e riscos. Oportunidade, dúbidas e riscos incrementados por mor do actual guerra desenvolvida en Ucraína.
Neste acto, Xosé Carlos Arias mergullarase na complexidade desta dinámica de múltiples cambios e proporá tecer un fío: un novo contrato social por unha economía dixital e verde, pero decididamente inclusiva, que nos pode servir para guiarnos nestes labirintos.
X.C. Arias estará acompañado pola sindicalista Amelia Pérez Álvarez e polo catedrático de psicoloxía evolutiva Miguel Pérez Pereira, quen interactuarán co relator na procura de achegar a un maior e mellor entendemento as teses desenvolvidas, xunto con Antón Costas, no libro “Laberintos de la prosperidad”.
Xosé Carlos Arias, (Lugo, intramuros). Catedrático de Política económica na Universidade de Vigo.
Entre as múltiples publicacións debemos destacar algún dos seus últimos libros: “Laberintos de la Prosperidad” e “La nueva piel del capitalismo” en colaboración co prestixioso analista de economía e catedrático Antón Costas (Galaxia G. 2021 e 2016), “Nuevo instuticionalismo: gobernanza económica y políticas públicas” (CIS, 2013) e outro traballo conxunto con Antón Costas “La torre de la arrogancia” (2º edc. Ariel, 2012).
Columnista de “La Voz de Galicia”, destaca a súa función divulgadora nos medios de prensa e televisión. Así mesmo e de suliñar a permanente colaboración en publicacións e libros impresos por editoriais internacionais como Springer ou Routledge.
Miguel Pérez Pereira, (Pontevedra). Catedrático do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.
Miguel investiga en Psicoloxía do desenvolvemento, con especial interese no que atinxe á linguaxe d@s nen@s con desenvolvemento típico e atípico (nen@s cegos e nen@s prematuros) así como aos factores relacionados coa súa casuística.
Autor de varios libros e múltiples artigos, colaboracións e traballos de investigación.
Amelia PérezÁlvarez, (Moaña). Diplomada en turismo, traballou na cadea Zara e no 2012 resultou elixida Secretaria Comarcal de Comisións Obreiras en Vigo, convertíndose na primeira muller ao frente dun dos sindicatos de clase maioritarios na nosa comarca.
Amelia, (Meli) seguiu rachando teitos de cristal cando no 2021 acadou a Secretaría Xeral do Sindicato Nacional das CC.OO. de Galicia; ata agora única muller que logrou tal representación nun mundo tradicionalmente masculinizado.