O mércores 24 de maio, nun local totalmente ateigado, Magis Zunzunegui presentonunos unha das súas películas de cabeceira, a premiada Lèolo, do director canadense Jean-Claude Lauzon.
Parce que moi je rêve, moi je ne suis pas (porque soño, eu non estou).
Nun primeiro momento, e despois de afirmar que a súa afección polo cine vén de lonxe, Emilio falounos das súas preferencias cinematográficas e do por que da elección desta película en concreto.
Definiuse coma un cinéfilo ecléctico, sen ataduras que ensombrezan o bo cine.
Léolo era a súa segunda opción; a primeira, Incendies, a súa película número un, xa se proxectou no cinemAteneo (non foi casualidade que se trate da película que inaugurou as proxección públicas do Ateneo alá por novembro de 2017, nos Multicines Norte).
Desvelou as súas preferencias a través de películas concretas (Desexando amar ou Iván o Terrible…), ou de directores (Buñuel, Herzog, etc.).
Ao director, Jean-Claude Lauzon, Emilio definiuno coma un ser complexo.
Era déspota, orgulloso e misóxino.
E tamén un prodixio poético que alcanza o seu cume cunha cámara cinematográfica na man.
Sen ser unha película autobiográfica, Léolo reflexa moitas secuencias do devir vital so director. A infancia humilde e marxinal, os antecedentes de enfermidade mental na familia, as obsesións da infancia, os trapicheos da adolescencia…, a poesía, sempre a poesía, por riba de todo a poesía.
Respecto á peli, globalmente, e en palabras do noso invitado, é un longo poema.
Un poema escatolóxico, talvez pornográfico, onírico, brutal.
Lèolo e o produto dun momento e dun autor. Hoxe, posiblemente, e por esa autocensura (a ditadura do policamente correcto), e pola falta de implicación da intelectualidade, non se podería ter rodado.
Se un procura información en Internet, atopa, e non casualmente, que case a metade das críticas da película están feitas desde un punto de vista psiquiátrico.
O devir do argumento responde, precisamente, á falta dun guión previo; a imaxe, a poesía, asoma tal e como vai aparecendo no maxín do seu autor, sen cortapisas nin censuras, guíada polas lembranzas dun cineasta xenial, unha xenialidade que, en demasiadas ocasións debe pagar o prezo da loucura.
No coloquio, Emilio animou ás persoas presentes, en especial aos homes educados baixo o nacional-catolicismo, a identificarse con algunhas das escenas da película.
Houbo unha aceptación unánime da película proposta por Magis.
Non faltaron os cualificativos. Destacan, entre outros, surrealista, brutal, e mesmo necesaria.