A finais do século XV e comezos do XVI os mosteiros bieitos galegos son sometidos a unha reforma executada co apoio da coroa de Castela, primeiramente co de Isabel a católica e á súa morte co da súa filla e co do seu home. Esta reforma leva consigo a supresión de todos os mosteiros femininos galegos e o confinamento de todas as abadesas e demais monxas no mosteiro de San Paio de Antealtares.

 DE CANDO AS MONXAS BIEITAS GALEGAS SE FIXERON PRÓFUGAS

Carme Varela
Camiño Noia

Xoves 21 de abril, 19 horas
Biblioteca da EMAO

As monxas enviadas por Castela e o Reformador Xeral nomeado por San Bieito de Valladolid enfrontaron unha dura contestación que se prolongou por moitos anos e no que as monxas galegas demostraron non estar dispostas a aceptar a supresión dos seus mosteiros nin o sometemento ás novas normas e autoridades.

Nun primeiro momento a igrexa romana apoiou ás monxas galegas e os procuradores enviados por Castela así o manifestan: “Toda esta corte está tan indignada contra nosotros en esta materia que cada hora nos dicen que nos han de destruir como los templarios, y aún por tales y peores nos tienen. Pues nuestro santísimo padre el papa nunca nos llama sino herejes”.

Tres papas, dúas raíñas e unha manchea de monxas pelexaron durante anos polo poder dos mosteiros bieitos galegos. Ese drama deu pé á peza teatral As Desterradas coa que Carme Varela gañou o XXV Premio Álvaro Cunqueiro e que trouxo ao presente estes feitos case esquecidos.

Carme Varela
É Licenciada en Filoloxía galega completou a súa formación cun máster en xestión cultural na Universidade de Barcelona no ano 2.000.

A súa conexión co teatro comezou na época de estudante no grupo universitario EIS e na compañía Os Quinquilláns.

Rematada a carreira, compaxinou traballos na Fundación Castelao como Secretaria Técnica con outros no campo da produción e distribución teatral coas compañías Ollomoltranvía e Mofa e Befa. Tamén traballou na empresa de servizos teatrais RTA. Foi Directora de Produción no Centro Dramático Galego e dende o ano 2007 a súa vida laboral estivo ligada á empresa de comunicación Atlantis Multimedia onde participou en proxectos de publicidade ou na produción de películas documentais como A Palabra Xusta dirixida por Miguel Piñeiro.

Recibiu o premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais na súa XXV edición polo texto As desterradas.

Camiño Noia
Licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela.

Foi fundadora de Edicións Xerais e catedrática de Lingua e Literatura galega na Universidade de Vigo ademais de Decana da facultade de Filoloxía. Dirixiu a revista Viceversa da Asociación de tradutores galegos e hoxe é profesora Emérita da Universidade de Vigo. É autora de abundosas publicacións sobre a tradición oral galega, a historia da tradución galega, a nova narrativa galega, e a literatura de muller.