Federación Galega de Ateneos

O xoves 19 de decembro de 2019 constituíuse en Compostela a Federación Galega de Ateneos coa presenza do Ateno Atlántico.
Ademais, estaban presentes e forman parte da Federación os seguintes Ateneos:

Estatutos da Federación Galega de Ateneos

Preámbulo

Os Ateneos de Galicia son entidades de carácter cívico-cultural cuxa finalidade é o impulso e divulgación da cultura no seu máis amplo sentido e o seu compromiso cos principios de liberdade, igualdade e solidariedade, dende a plena independencia, ao servizo da cidadanía galega.

Neste sentido, os Ateneos de Ferrol, Marín, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela manifestaron, inicialmente, a súa vontade de constituír unha federación con arranxo ás seguintes disposicións.

Capítulo I. Disposicións Xerais

Art. 1. Denominación e natureza.

Coa denominación de Federación de “ATENEOS DE GALICIA” constitúese unha organización de natureza asociativa e sen ánimo de lucro, ao amparo do disposto no artigo 22 da Constitución española, a Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e demais disposicións vixentes ditadas en desenvolvemento e aplicación daquela. O réxime da Federación determinarase polo disposto nos presentes Estatutos.

Art. 2. Personalidade e capacidade.

A Federación constituída ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de actuación, podendo realizar, en consecuencia, todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento das finalidades para as que foi creada, con suxeición ao establecido no ordenamento xurídico.

Art. 3. Domicilio e ámbito de actuación.

O domicilio social da Federación radicará na sede do Ateneo de

ata que conte con sede propia. Non obstante, a xestión levarase a cabo segundo o que en cada caso acorde a Xunta Directiva da Federación.

O cambio de domicilio requirirá acordo da Asemblea Xeral, convocada especificamente con tal obxecto, e a modificación dos presentes Estatutos.

O ámbito de actuación da Federación é o da Comunidade Autónoma de Galicia.

Art. 4. Duración.

A Federación constitúese por tempo indefinido.

Capítulo II. Obxectivos e fins da Federación

Art. 5. Fins e actividades

A Federación configúrase como un espazo de encontro, diálogo, cooperación e axuda entre os Ateneos que formen parte da mesma así como de impulso de realización de actividades conxuntas no ámbito xeográfico de Galicia.

Capítulo III. Dos Órganos de goberno e forma de administración

Sección 1ª. Da Asemblea Xeral

Art. 6. A Asemblea Xeral.

O órgano supremo e soberano da Federación é a Asemblea Xeral, integrada polos representantes lexítimos dos Ateneos federados e que se atopen en pleno uso dos seus dereitos sociais.
Adopta os seus acordos de modo democrático e reunirase, cando menos, unha vez ao ano.
As Asembleas poderán ter carácter ordinario e extraordinario, de acordo co que se indica nos presentes Estatutos.

Art. 7. Lexitimación e forma para convocar Asembleas.

As Asembleas serán convocadas polo Presidente da Federación, por iniciativa propia, por acordo da Xunta Directiva ou por solicitude de, cando menos, dous dos Ateneos federados.
As convocatorias das Asembleas faranse polo Presidente, cunha antelación de quince días naturais á data da súa celebración, e conterán a orde do día, así como o lugar, data e hora da súa celebración.
As Asembleas quedarán validamente constituídas cando concorran a elas, presentes ou representados, un terzo dos asociados con dereito a voto, en primeira convocatoria, e calquera que sexa o número de asociados con dereito a voto, en segunda convocatoria.
Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos. Non obstante, requirirán maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superen á metade das mesmas, os acordos relativos á disolución da Federación,  modificación de Estatutos e disposición e alleamento de bens.

Art. 8. Da Asemblea Xeral ordinaria.

A Asemblea Xeral ordinaria haberá de convocarse dentro dos tres primeiros meses de cada ano con obxecto de proceder á aprobación, no seu caso, do Estado de Resultados e do Balance de situación patrimonial a 31 de decembro do ano anterior.
Ademais, terá como competencias as seguintes:

  1. Nomeamento da Xunta Directiva.
  2. Establecemento de cotas.

Art. 9. Da Asemblea Xeral extraordinaria.

A Asemblea Xeral extraordinaria deberá convocarse necesariamente para tratar os seguintes aspectos:

  1. Modificación parcial ou total dos Estatutos.
  2. Disolución da Federación.
  3. Disposición e alleamento de bens.

Art. 10. Delegacións de voto ou representacións.

Cada Ateneo federado delegará a representación dos seus asociados nun máximo de tres membros aínda que, a efectos decisorios, cada Ateneo só poderá emitir un voto como expresión de igualdade federativa. A condición de representante deberá acreditarse mediante acordo adoptado pola respectiva Xunta Directiva.

Sección 2ª. Da Xunta Directiva

Art. 11. Xunta Directiva. Composición e duración.

A Xunta Directiva é o órgano colexiado de goberno, representación e administración da Federación, sen prexuízo das potestades da Asemblea Xeral como órgano soberano.
Estará composta por tantos membros como número de Ateneos integren a Federación, cun mínimo de seis, a razón dun membro por Ateneo federado.
A súa duración será bianual, podendo ser os seus membros reelixidos por acordo da Asemblea Xeral. O cargo de Presidente será rotatorio ao igual que o de Vicepresidente.
A Xunta Directiva poderá nomear apoderados xerais ou especiais. Os apoderamentos xerais e a súa revogación deberán ser presentados ante o Rexistro de Asociacións para a súa inscrición, se procedera, e dar conta ante a Asemblea Xeral.

Art. 12. Dos membros da Xunta Directiva.

De entre os representantes de cada Ateneo federado na Asemblea Xeral ordinaria procederase á elección dos cargos da Xunta Directiva, os cales serán: Presidente, Vicepresidente, Secretario, Tesoureiro e Vogais ata completar o número de integrantes na Xunta.
Os membros da Xunta Directiva exercerán o seu cargo con carácter gratuíto, sen prexuízo do dereito ao reembolso dos gastos ocasionados no exercicio dos cargos, sempre que estes se encontren debidamente autorizados e xustificados.
Igualmente os membros da Xunta Directiva responderán fronte á Federación dos danos e prexuízos que causen por actos contrarios á Lei e aos presentes Estatutos. Quedará exento de responsabilidade quen se opuxera expresamente ao acordo determinante de tales actos ou non tivera participado na súa adopción.

Art. 13. Elección.

Para ser membro da Xunta Directiva serán requisitos imprescindibles ser maior de idade, estar en pleno uso dos dereitos civís, ser socio e representante dun Ateneo federado, a ser posible membro da súa Xunta Directiva, e non estar incurso nos motivos de incompatibilidade establecidos na lexislación vixente.
Os membros da Xunta Directiva serán elixidos pola Asemblea Xeral ordinaria, a proposta de cada unha das asociacións federadas, presentando a súa candidatura cunha antelación, como mínimo, de corenta e oito horas á celebración da Asemblea.

Art. 14. Cesamento dos cargos.

Os membros da Xunta Directiva cesarán nos seus respectivos cargos polas seguintes causas:

  1. Por morte ou declaración de falecemento.
  2. Por incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade mediante resolución xudicial.
  3. Por renuncia propia.
  4. Por perda da condición de socio da asociación federada ou á que pertencera.
  5. Por transcurso do período do seu mandato. Non obstante, mentres non se proceda pola Asemblea Xeral subseguinte á elección dunha nova Xunta Directiva, aquela continuará en funcións, a todos os efectos.

Art. 15. Do Presidente.

Corresponde ao Presidente:

  1. Ostentar a representación da Federación ante toda clase de persoas, autoridades e entidades públicas e privadas.
  2. Executar os acordos da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral, podendo para isto realizar toda clase de actos e contratos e asinar aqueles documentos necesarios a tal fin; sen prexuízo de que, por cada órgano no exercicio das súas competencias, ao adoptar os acordos se faculte expresamente para a súa execución a calquera outro membro da Xunta Directiva.
  3. Convocar a Asemblea Xeral e as reunións da Xunta Directiva, dirixir os seus debates e suspender e levantar as sesións.
  4. Cumprir e facer cumprir os acordos da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.
  5. Ordenar os gastos e pagos da Federación.
  6. Dirimir co seu voto os empates, se fora necesario.
  7. Visar as actas e certificacións dos acordos da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.
  8. Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de Presidente da Xunta Directiva e da Federación.

Art. 16. Do Vicepresidente.

Corresponderá ao Vicepresidente realizar as funcións do Presidente nos casos de estar vacante o cargo por cesamento, renuncia, perda da súa condición de ateneísta, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa similar que así o xustifique, podendo actuar tamén en representación da Federación en aqueles supostos en que así se decida por delegación do Presidente, a Xunta Directiva ou a Asemblea Xeral, segundo os acordos.

Art. 17. Do Secretario.

Corresponde ao Secretario da Xunta Directiva as seguintes funcións:

  • Asistir ás sesións da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral e redactar e autorizar as actas daquelas.
  • Efectuar a convocatoria das sesións da Xunta Directiva e a Asemblea, por orde do Presidente.
  • Ter baixo a súa responsabilidade o funcionamento organizativo e administrativo da Federación e a custodia dos arquivos, documentos e libros da Federación, a excepción dos propios da contabilidade societaria.
  • Calquera outra función inherente á súa condición de Secretario e as delegadas que puideran recaer por delegación do Presidente, a Xunta Directiva ou a Asemblea Xeral.

Art. 18. Do Tesoureiro.

Corresponde ao Tesoureiro:

  1. Recadar e custodiar os fondos da Federación.
  2. Efectuar os pagos co visto bo do Presidente.
  3. Levar os libros de contabilidade e o cumprimento das obrigas fiscais, en tempo e forma, da Federación.
  4. A elaboración do anteproxecto de Presupostos e do Estado xeral de contas para a súa consideración pola Xunta Directiva e posterior aprobación, no seu caso, pola Asemblea Xeral.
  5. Calquera outra inherente á súa condición de Tesoureiro, como responsable da xestión económico-financeira da Federación.

Art. 19. Dos Vogais.

Corresponde aos Vogais:

  • Asistir ás sesións da Xunta Directiva, participando no debate dos asuntos a tratar.
  • Exercer o seu dereito ao voto e formular, no seu caso, o seu voto particular expresando o sentido do mesmo e os motivos que o xustifican.
  • Formular as propostas así como os rogos e preguntas que estime convenientes.
  • Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións.
  • Exercitar as delegacións que o Presidente, a Xunta Directiva ou a Asemblea Xeral lle encomenden mediante os acordos correspondentes.

Art. 20. Convocatoria e sesións.

  1. Para a válida constitución da Xunta Directiva, a efectos da celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos, deberán estar presentes a metade dos seus membros, requiríndose, necesariamente, a presenza do Presidente e do Secretario ou de quen os substitúa.
  2. A Xunta Directiva reunirase, ao menos, unha vez cada trimestre e cantas veces como sexa precisa para a boa marcha da Federación, por convocatoria realizada polo Presidente, a iniciativa propia ou de calquera dos seus membros.
  3. A convocatoria, cos seus elementos formais (orde do día, lugar, data, etc.), farase chegar, cunha antelación mínima de corenta e oito horas á súa celebración, a todos os membros que a compoñen.
  4. As deliberacións seguirán o mesmo réxime sinalado para a Asemblea Xeral de socios. Os acordos adoptaranse por maioría simple dos votos emitidos, dirimindo o voto do Presidente en caso de empate.
  5. Non poderá adoptarse acordo algún que non figure na orde do día, salvo que, estando presentes a totalidade dos membros que compoñen a Xunta Directiva, o acorden por unanimidade.
  6. Igualmente quedará validamente constituída a Xunta Directiva sen convocatoria previa, cando, estando presentes todos e cada un dos membros, así se acorde por unanimidade.
  7. Ás sesións da Xunta Directiva poderán asistir aquelas persoas con funcións de asesoramento para a adopción de decisións, con voz pero sen voto.

Art. 21. Competencias da Xunta Directiva.

A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:

  1. Organizar e desenvolver as actividades aprobadas pola Asemblea Xeral.
  2. Formular o proxecto de presupostos e o Estado de contas anual, para a súa aprobación pola Asemblea Xeral.
  3. Elaborar unha Memoria anual de actividades para o seu coñecemento pola Asemblea Xeral.
  4. Outorgar as encomendas de xestión e apoderamentos xerais ou especiais que estime necesario.
  5. A creación de Comisións de traballo interateneos para o desenvolvemento de funcións, tarefas e actividades aprobadas así como para calquera outra cuestión derivada do cumprimento dos fins sociais da Federación.
  6. Resolver as solicitudes relativas á admisión de socios.
Capítulo IV. Dos Ateneos federados

Art. 22. Adquisición da condición de Ateneo federado.

Unicamente poderán formar parte da Federación, os Ateneos de Galicia inscritos no Rexistro de Asociacións competente para o recoñecemento da personalidade xurídica, conformes cos fins da Federación e que así o tivesen acordado na forma requirida nos seus Estatutos.
A solicitude para adquirir a condición de socio debe aceptarse pola Xunta Directiva da Federación, de conformidade coas súas competencias.

Art. 23. Perda da condición de Ateneo federado.

A condición de Ateneo federado perderase por algunha das seguintes causas:

  1. Por libre vontade do Ateneo federado, expresada pola súa respectiva Asemblea Xeral.
  2. Por impago das cotas establecidas para o mantemento da Federación.
  3. Por incumprimento grave dos presentes Estatutos ou dos acordos validamente adoptados polos órganos sociais. Neste caso, será preciso acordo da Asemblea Xeral da Federación, adoptado por maioría cualificada e suficientemente motivado.

Art. 24. Dereitos e deberes dos Ateneos federados.
Son dereitos:

  1. Participar nas actividades da Federación e nos seus órganos de goberno e representación, exercendo o dereito de asistencia e de voto, de acordo cos Estatutos.
  2. Ser informado acerca da composición dos órganos de goberno e representación da Federación, do seu Estado de Contas e do desenvolvemento da actividade.
  3. Ser oído, con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra el, e ser informado dos feitos que dean lugar a tales medidas.
  4. Acceder á documentación da Federación, a través da Xunta Directiva.
  5. Usar os bens e instalacións de uso común da Federación, con respecto ao igual dereito do resto dos socios.

Art. 25. Obrigas dos Ateneos federados.
Son deberes:

  1. Compartir os fins da Federación e colaborar na consecución dos mesmos.
  2. Pagar as cotas e outras achegas que poidan corresponder a cada Ateneo federado.
  3. Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
  4. Cumprir o resto de obrigas que resulten das disposicións estatutarias.
Capítulo V. Réxime económico

Art. 26. Patrimonio fundacional.

A Federación ten un patrimonio no momento da súa constitución de seiscentos euros, derivado das achegas iniciais dos socios fundadores.

Art. 27. Financiamento.

A Federación, para o desenvolvemento das súas actividades, financiarase con:

a) Os recursos que proveñan do rendemento do seu patrimonio, no seu caso.

b) As cotas dos Ateneos federados, ordinarias ou extraordinarias.

c) Os donativos ou subvencións que puideran ser concedidos por persoas físicas ou xurídicas, tanto públicas como privadas.

d) As doazóns, herdanzas ou legados, aceptados pola Xunta Directiva.

e) Os ingresos procedentes das súas actividades.

f) Todos aqueles outros que puideran obterse mediante acordos lícitos ou prestacións de servizos con calquera outra entidade.

Art. 28. Exercicio económico, presuposto e contabilidade.

1. O exercicio económico coincidirá co ano natural, polo que comezará o 1 de xaneiro e finalizará o 31 de decembro.

2. Anualmente a Xunta Directiva confeccionará o Presuposto, que será aprobado pola Asemblea Xeral ordinaria e recollerá as cotas dos socios para o exercicio correspondente.

3. A Xunta Directiva levará os correspondentes libros de contabilidade que permitan obter unha imaxe fiel do estado de situación patrimonial e o resultado do exercicio.

4. A Asemblea Xeral aprobará anualmente as contas da Federación, unha vez finalizado o exercicio económico que corresponda e dentro dos tres meses seguintes.

Capítulo VI. Disolución e liquidación da Federación

Art. 29. Disolución.
A Federación disolverase polas seguintes causas:

  1. Por acordo adoptado por maioría cualificada en Asemblea Xeral extraordinaria.
  2. Polas causas que se determinan no artigo 39 do Código Civil.
  3. Por sentenza xudicial firme.

Art. 30. Liquidación.

Acordada a disolución da Federación, ábrese o período de liquidación, ata o fin do cal a entidade conservará a súa personalidade xurídica.
Os membros da Xunta Directiva no momento da disolución convértense en liquidadores, salvo que os designe expresamente a Asemblea Xeral ou o xuíz que, no seu caso, acorde a disolución.

Corresponde aos liquidadores:

  1. Velar pola integridade do patrimonio da Federación.
  2. Concluír as operacións pendentes e efectuar as novas que sexan precisas para a liquidación.
  3. Cobrar os créditos da Federación.
  4. Liquidar o patrimonio e pagar aos acredores.
  5. Aplicar os bens sobrantes aos fins previstos nos Estatutos.
  6. Solicitar a cancelación dos asentos no Rexistro.

O patrimonio resultante, despois de pagadas as débedas e cargas sociais, destinarase a entidades non lucrativas que persigan fins de interese xeral análogos aos realizados pola mesma. Igualmente, poderán ser destinados os bens e dereitos resultantes da liquidación a entidades públicas.