CdeL novembro. Niketche de Paulina Chiziane
5 Novembro / 18:30 – 20:30
O libro elixido polo Club de Lectura do Ateneo Atlántico para ler ao longo do mes de outubro de 2025 é Niketche – Uma historia de poligamia, da escritora mozambicana Paulina Chiziane. A xuntanza terá lugar o mércores 5 de novembro, a partir das 18.30 horas, no novo local do Ateneo (Salón Vitruvia, Reconquista 7).

Paulina Chiziane
Paulina Chiziane, nada en Manjacaze (provincia de Gaza) o 4 de xuño de 1955, é unha escritora mozambicana, que foi Premio Camões en 2021.
Creceu nos suburbios da cidade de Maputo, anteriormente chamada “Lourenço Marques”. Naceu nunha familia protestante en que se falaban as linguas chope e ronga, e aprendeu a lingua portuguesa na escola dunha misión católica. Comezou estudos de Lingüística na Universidade Eduardo Mondlane, mais non chegou a rematalos.
Participou activamente na política de Mozambique como militante da Frelimo (Frente de Libertação de Moçambique), durante a xuventude. Porén, sentiuse desilusionada coa directiva do partido despois da independencia do país. En particular, ficou defraudada pola política filooccidental e as ambivalencias ideolóxicas internas do partido. Outros motivos foron as posicións respecto ás políticas de mono e poligamia, a economía política, vencellada ao marxismo-leninismo, e a hipocrisía, ao seu entender, en relación coa liberdade económica da muller.
Tras apartarse da política, iniciou a súa actividade literaria en 1984, con contos publicados na prensa. A súa escrita foi xerando polémicas sobre asuntos como a práctica da poligamia no país. Co seu primeiro libro, Balada de amor ao vento (1990), converteuse na primeira muller en publicar unha novela no seu país. A obra fala da poligamia no sur de Mozambique durante o período colonial. Debido á súa participación activa na Frelimo, a súa narrativa reflicte o malestar social dun país devastado pola guerra de liberación e os conflitos civís posteriores á independencia.
En 2021 foi acreedora da XXXIII edición do Premio Camões.
En 2003, a súa novela Niketche: uma história de poligamia gañou o Premio José Craveirinha.
En 2016 anunciou que deixaba a escrita, esgotada polas loitas que afrontara ao longo da súa carreira.
Vive e traballa na provincia da Zambézia.
Forma parte da Semana Galega de Filosofía en 2025.
Algunhas das súas obras son: Balada de Amor ao Vento (1990), Ventos do Apocalipse (1993), O Sétimo Juramento (2000), As Andorinhas (2009), Na mão de Deus (2013), Por Quem Vibram os Tambores do Além (2013), O Canto dos Escravizados (2017).
(Galipedia)
Niketche: Uma História de Poligamia
O título do libro fai referencia a unha danza tradicional practicada no norte de Mozambique. Unha danza que a propia autora define como a danza do sol e da lúa, a danza do vento e da choiva (…) que inmobiliza o corpo e fai voar a alma (p. 160).
A novela representa e sitúase nunha serie de novelas sobre o tema da poligamia. As protagonistas femininas representan a pluralidade cultural das identidades xeográficas de Mozambique, mentres que o único protagonista masculino representa a nación no seu conxunto.
Rami é o nome da primeira esposa de Tony. Tras as continuas ausencias do seu marido, Rami decide investigar a realidade do seu matrimonio. Así comeza unha viaxe de desenmascaramento que leva a un encontro coas múltiples realidades rexionais do signo feminino en Mozambique.
A novela ten unha mensaxe clara para que todas as mulleres sexan “máis amigables, máis solidarias“, uníndose como unha soa forza e loitando nunha batalla común pola independencia e o amor xusto e leal. Non obstante, a autora, falando a través da voz de Rami, declara abertamente a súa oposición á poligamia. As mulleres unidas nunca poden ser derrotadas. A unidade que as mulleres representan no libro é a unidade nacional. Cada muller provén dunha zona xeográfica diferente do país. As diferenzas entre o norte e o sur exprésanse ao longo das páxinas cun certo ton de rivalidade, especialmente no que respecta ao home-nación. A solución presentada ao final do libro é unha alternativa feminista ao sistema nacional patriarcal.
(Tradución parcial da páxina da novela na Wikipedia en portugués)