Achegas dos nosos socios e socias
S.O.S. Abellas
Telmo Comesaña
Na natureza todas as especies son importantes; moitas necesarias e algunhas indispensables. Quizais o máis inútil sexa o ser humano que vive a conta da natureza que el mesmo destrúe.
O planeta terra xa tiña vida sen o home; xa había fauna e flora. Os que saben destas cousas máis do que sei eu, din que as avellas xa facían mel, propoleos, xelea real, xa tiñan veleno e recollían polen, pero talvez o máis importante era que xa polinizaban.
Dá que pensar que elas enriqueceron o planeta levando dunha a outra planta o polen.
Importancia das avellas
A importancia é de tal magnitude como o desprezo e a infravaloración que se fai delas.
O desleixo que as administración teñen no eido da agricultura é preocupante. O monte arde un e outro ano; os laios son o único que se escoita pero solución ningunha. Ao final, os dirixentes políticos, –cadaquén no seu poleiro–, só se culpabilizan como os picariños na escola, e, ata son capaces de falar de terrorismo asasino. Pasados uns días, as cousas vanse esquecendo e sempre hai algo para distraer a atención e, “morra o conto”; como moito fálase do risco das cinzas que poden chegar a envelenar os bancos marisqueiros, pero da fauna e da flora nin palabra…, e das abellas…, alguén se preocupa?
Cando un monte arde, non só se perden as arbores, pérdese a vida; mais eu, intento reflexionar sobor da importancia das abellas.
S.O.S. Abellas non só é un titular
Dende hai anos esta marabillosa especie está en risco. Nos anos oitenta foi a varroasis a que fixo desaparecer moitas colmeas; buscáronlle un remedio para evitar a desaparición, e salváronas. Os incendios non só levan por diante as colmeas que atopan, tamén queiman todo o que produce floración. –Sen flores non hai pasto onde petiscar, e se os apicultores non poden alimentar con solucións azucradas, as colmeas desaparecen–.
Triste, moi triste.
Dende hai algún tempo,outra praga máis terrible que chegou ata nós, é a velutiña asiática (abellas carnívoras que entran nas colmeas e matan a eito).
Apicultor: unha tarefa apaixonante
Antes de meterse coas abellas cómpre coñecer o que son e como tratalas. As avellas son insectos sociais; organízanse en enxames cunha nai (raíña) e cuns centos de abellóns e arredor de 50.000 obreiras (femias estériles).
O corpo dunha abella consta de tres partes: cabeza, tórax e abdome; patas, alas e arpón con veleno forman o conxunto máis visible do insecto.
Cría
A nai fai unha posta de 2.000 ovos fecundados por día para criar obreiras; os ovos, no fondo da cela, están tres días; eclosionan en larvas e son alimentadas con xelea real, durante tres días. A partir do terceiro día, as larvas son alimentadas cunha mistura de pole e mel durante outros tres días. Logo, as celas son seladas (operculadas) e aos 21 días da posta do ovo nacerá unha obreira.
As nais (raíñas), son alimentadas exclusivamente con xelea real, nunha cela máis grande cas obreiras, e nacerá aos 16 días, mentres que os abellóns nacen aos 24 días.
Cando a mestra (raíña) é virxe á poucos días de nacer sae o exterior na procura do espazo máis acaido para a súa fecundación; días despois celebran o acto nupcial: a virxe sae da colmea voando en espiral deica arriba e unha banda de machos tras dela; serán os máis rápidos os que se encarguen de cubrila. Volve á colmea e días despois comenza a posta.
Durante os dous anos fará postas de 2000 ovos por día, chegando aos 3000 se lles é necesario. A partir de aí vai decaendo a posta e poden chegar a vivir un total de 5 anos. –O apicultor non espera a decadencia e prepárase para que críen outra nai.
Os abellóns son froito de ovos sen fecundar que a raíña dispón cando ten necesidade deles na colmea.
A vida das abellas é moi curiosa, mais coido que con este comentario pódese ter unha pequena idea e despertar o interese por estas criaturas que tanto beneficio nos aportan.
Ver un vídeo dunha colmea aberta é impresionante.
En Galiza hai grupos de apicultores afiliados a varias asociacións que hai anos veñen traballando e investigando con pouco apoio. Os máis deles son aficionados que traballan con poucas colmeas, mentres que os que posúen albarizas, (conxunto de colmeas), que xa están industrializados, con veterinario, laboratorio e instalacións para esmelga (extracción), medios de transporte para a transhumancia (desprazar as colmeas para lugares de floración intensiva.
Resumo
Unha colmea é unha colonia formada por: unha nai, unas 50.000 obreiras e uns poucos abellóns.
A nai pode vivir 5 anos, as obreiras 40 días no tempo de intenso traballo e no inverno poden chegar aos 70 días, os machos despréndense deles cando deixan de serlles útiles.
As obreiras máis novas coidan de alimentar as larvas, outras limpar e facer celas; son pertenza desa colmea, non poden ir a outra, mentres que os machos poden andar dunha para outra; eles tamén axudan a quecer ás crías e refrixerar a colmea.
As abellas hai que coñecelas para amalas. Non se pode amar a quen non se coñece.