Un ano máis, no Ateneo analizamos a situación de desigualdade que afecta ás mulleres e os avances e desafíos da axenda feminista no momento actual. Alén de afianzar os logros e obxectivos consolidados polo feminismo, temos que continuar avanzando.
- Gañando espazos igualitarios
- Resucitando o legado histórico das mulleres en todos os ámbitos
- Non dando por definitivo ningún logro en dereitos.
Hai, aínda, moito traballo por diante:
- Vixiar a implementación dos avances legais
- Combater o discurso do medo e o rexeitamento do feminismo que vai gañando terreo, especialmente na mocidade
- Procurar a necesaria participación corresponsable dos homes e animalos a que fagan o seu propio camiño de transformación.
- Enfocar a coeducación como peza clave contra a proliferación dos discursos negacionistas, especialmente nas redes.
- Incorporar un programa integral de educación afectivo sexual, como estratexia educativa fundamental para acadar unha cidadanía crítica e con valores democráticos e igualitarios.
- #se_acabó. Avanzamos con firmeza na repulsa social contra a violencia sexual que conseguiu situar o consentimento das mulleres no cerne da cuestión e por o foco no agresor. A resposta no caso Rubiales, nun ámbito tan machista coma o deportivo, personificado con valentía pola futbolista Jenifer Hermoso. O que o agresor consideraba “un pico consentido” motivou unha mobilización a escala planetaria cun lema que replicaba o #me_too. Nunca un acontecemento desta índole tivera consecuencias tan positivas de avance para o feminismo. Deu na diana e supuxo o cambio de sensibilidade fronte a un problema que vai máis alá do deporte e se fai transversal a toda a sociedade. Avanzamos tamén na resposta legal, na aplicación da lei do só si e si na sentencia do caso Alves.
- A independencia económica das mulleres e a discriminación no ámbito laboral, reforzada pola suba do salario mínimo. Foi unha medida de ámbito xeral que favorece a un amplísimo sector de poboación, mais que repercute nomeadamente nas traballadoras: as que máis reciben esta retribución e as que sofren en maior medida a precariedade, especificamente a salarial, pola discriminación vertical e horizontal no ámbito laboral.
- Claudia Goldin recibiu o premio Nobel de Economía, 2023, sendo a terceira muller que o recibe en 55 edicións, polos seus estudos pioneiros sobre a fenda de xénero no mercado laboral. Goldin demostra que a diferenza retributiva se debe a dispoñibilidade maioritaria e desproporcionada dos homes para aceptar a prolongación da xornada de traballo, mentres que as mulleres precisan dese tempo para atender aos coidados da familia, consecuencia da socialización diferenciada polo xénero e causa de discriminación en todos os ámbitos.
- Nova lexislación para impedir a accesibilidade á pornografía dos menores de idade. O 45% dos mozos entre 12 e 15 anos consume porno, e o 25% accede a el con menos idade. Alén desta medida precísase dun plan de educación sexual integral como barreira fronte ao acceso temperá á pornografía e as súas peores consecuencias.
- Informe da Harvard Business Review, estudo con perspectiva de xénero, sobre a discriminación laboral por idade que sofren as mulleres, que se atopa na intersección da idade e os prexuízos de xénero, concluíndo que non hai unha idade axeitada para as traballadoras de calquera ámbito, ao contrario do que pasa nos homes, confirmando como a discriminación derivada dos prexuízos de xénero reforza todas as outras posibles discriminacións, raciais, étnicas, de clase, etc.
- Informe-enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas sobre as percepcións a respecto da igualdade entre homes e mulleres, e sobre os estereotipos de xénero, a distribución das tarefas do fogar, a atención a persoas dependentes ou o comportamento de ambos sexos, que confirman que as mulleres dedican o dobre de tempo ao coidado dos fillos, e que o 81,2% asegura que “non lograrán a igualdade a menos que os homes tamén loiten pola igualdade de dereitos das mulleres”, mentres que só o 74,2% entre os homes pensan o mesmo.
- Segue pendente o debate social sobre a prostitución, ligado á pornografía e á violencia sexual. Polo lado positivo vese que cada vez gañan máis terreo posicións abolicionistas.
- Gañan terreo en España as forzas reaccionarias tras as eleccións de 2023. Conformáronse novos gobernos municipais e autonómicos onde a posición de Vox os fai escorar á extrema dereita. Son instancias competentes para deseñar e levar a cabo importantes políticas sociais, incluso con competencias lexislativas, e case sempre encargados de executar as políticas definidas no ámbito estatal. Isto supuxo un cambio radical e negativo no discurso político favorable á igualdade, e pode significar un paso previo á derrogación de dereitos fundamentais para as mulleres como o aborto ou as leis contra as violencias machistas.
- O negacionismo conta hoxe cun espazo moi afirmado e tenta lexitimarse na política. A xa citada enquisa do CIS en 2023 indica que van calando ideas como que “o feminismo avanzou demasiado”. Unha parte da sociedade interpreta a perda de privilexios como perda de dereitos, e vemos como se organiza a resistencia aos avances das mulleres en nichos cada vez máis potentes, especialmente nas redes sociais, onde se produce un salvaxe e intolerable acoso ás feministas, asunto que está pendente de regulación.
- O impacto negativo de xénero que ten a IA. O Informe sobre a fenda de xénero do Foro Económico Mundial alerta sobre o nesgo oculto nos datos que mesmo pode chegar a ser perigoso para as mulleres, advertindo tamén que só un 22% dos profesionais de Intelixencia Artificial (AI) en todo o mundo son mulleres, e que nas Universidades apenas chega a un 15%-20% a porcentaxe de estudantes mulleres en carreiras como enxeñaría informática.
Avanzamos claramente pero somos conscientes de que hai que continuar sen desfalecer.
Dende o Ateneo esperamos seguir contribuíndo ao logro da igualdade con novas e alentadoras propostas.
Vigo, 8 de marzo de 2024