Nesta nova entrega do ciclo Historia da Oliveira centrámonos no Vigo do século XIX. O xornalista e escritor Jorge Lamas falará sobre a historia, mentres que Carlos Bernárdez, crítico de arte, farao sobre a representación pictorica da nosa cidade no século XIX. Actuará como moderadora Nuria Otero, especialista en turismo.

Ciclo Historia da cidade da oliveira
VIGO SÉCULO XIX. HISTORIA E IMAXE

Jorge Lamas
Carlos Bernárdez
Presenta: Nuria Otero

Xoves 28 de abril, 19 h.
Casa Galega da Cultura

A HISTORIA DE VIGO NO SÉCULO XIX
Jorge Lamas, xornalista i escritor

O Vigo que coñecimos no século XX, naceu durante a centuria anterior. O XIX foi un tempo de cambios continuos e vertixinosos. A poboación empezou o século XIX con unha configuración espacial e demográfica que non se parecerá en nada a que teña cando remate o século. Pero é que ademais os vigueses comezarán o XIX sendo vasalos do arzobispo de Santiago e rematarán sendo cidadáns, ainque de momento, só os homes. O cambio é o apelido desta centuria. Só hai que velo nas infraestructuras máis vencelladas á cidade olívica. Cando naceu o século había un deficiente peirao, que non se podía utilizar porque non había calado, pero a partir de 1880 , coa creación da Xunta de Obras do Porto, moi lentamente, a situación cambiará.

A ARTE EN VIGO NO SÉCULO XIX
Carlos Bernárdez, crítico de arte

Vigo aparece vinculado a unha arela de progreso material, unha tendencia que xa se comeza a enxergar desde mediados do século XIX e este aspecto non era –nunca o foi- contraditorio co desenvolvemento cultural e artístico. Máis ben ao contrario, o crecemento da cidade ligouse desde o XIX ao seu progreso como referente cultural do país, combinando unha vontade cosmopolita –que o porto sempre favoreceu- cun forte sentimento identitario galego, do que son proba fitos como a publicación en 1863 dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro na imprenta de Juan Compañel na Rúa Real, inicio preciso dos noso Rexurdimento.

As imaxes pictóricas da cidade do século XIX vinculan tamén estas dúas realidades da aposta polo progreso e mais a identidade.

A representación paisaxística de Vigo afirmase no século XIX seguindo diferentes fórmulas de captación da realidade: nas primeiras décadas, en mans de viaxeiros ocasionais ou en traballos utilitarios domina unha concepción cartográfica ou de apuntamento puramente descritivo. Temos tamén exemplos de achegamentos inzados de pintoresquismo romántico.

Serafín Avendaño - Na baía de Vigo
Serafín Avendaño. Na baía de Vigo 

A estas mostras sucederán xa as visións de pintores como Serafín Avendaño (Vigo, 1838-Valladolid, 1916), que representa as paisaxes rurais e citadinas de Vigo axudando a crear a nova pintura galega de paisaxe urbana e humanizada, que terá como motivo recorrente a Ribeira do Berbés; neste ambiente tamén aparecerán escenas de moderno lecer. En Avendaño apreciamos as dúas versións dominantes da cidade que constituirán motivos recorrentes durante décadas: a paisaxe a partir dunha captación naturalista e as escenas de costumes, decote inseridas nun contexto laboral ou festivo.

Nesta liña temática tamén hai que sinalar unha importante nómina de creadores. Federico Ruíz (Madrid, 1837-?); Teodomiro Avendaño (Vigo, 1840-?) –irmán de Serafín- que realiza paisaxes como Vigo en que o naturalismo aínda loita cun claro pouso romántico; Alfredo Souto (A Coruña, 1862-1940), autor dunha pintura de corte realista con reminiscencias románticas, ben no espírito da súa xeración, interesada en captar por medio da paisaxe a esencia do país. Outros exemplos da asunción do costumismo son Carlos Lezcano (Madrid, 1871-1929), pintor madrileño con ligazóns familiares en Vigo e Enrique Simonet (Valencia, 1866-Madrid, 1927), pintor valenciano vinculado ao círculo de pintores malagueños mais que pasaba os veráns en Vigo. A salientar tamén o paisaxismo de Ovidio Murguía (Torres de Lestrove, Dodro, 1871-A Coruña, 1900), que pinta a nosa ría na década dos noventa do XIX. A este ambiente corresponden tamén os traballos do sevillano Emilio Sánchez Perrier (Sevilla, 1855-Alhama de Granada, 1907), un excelente pintor de paisaxe que asimilou os presupostos formais de Corot e da Escola de Barbizon e que estivo en Galiza en 1879 pintando a nosa Ribeira. O mesmo motivo agroma na pintura de Aureliano de Beruete (Madrid, 1845-1912), un dos mellores paisaxistas españois dentro das correntes renovadoras de influxo impresionista, que plasma a nosa contorna durante a estadía en Galiza; tamén pinta Vigo Martín Rico (El Escorial, 1833-Venecia, 1908), que realiza en 1881 unha paisaxe en Teis.

Mais é sobre todo a obra de Francisco Pradilla (Villanueva de Gállego, Zaragoza, 1848-Madrid, 1921) sobranceiro pintor aragonés casado cunha viguesa, a que reproduce con frecuencia a cidade, o porto, a ría e motivos costumistas nestes escenarios en ducias de obras, velaí. A igual inspiración responde a obra de Juan Martínez Abades (Xixón, 1862-Madrid, 1920), dentro dun realismo preimpresionista, autor de óleos de grande e pequeno formato que reproducen decote os peiraos e escenas mariñeiras de requintado pintoresquismo. Deste pintor asturiano son de salientar os grandes óleos realizados en 1892 para decoraren o Ximnasio de Vigo como Ribeira do Berbés.

Nesta pintura de paisaxe obsérvase unha asunción do realismo, mais sempre matizada, como acontece en moita arte europea a partir de mediados do século XIX, sendo frecuente que os artistas equilibren a captación directa da realidade con certa idealización e coa supervivencia dun fondo romántico, como fai o andaluz Emilio Álvarez Ayllón (Ayon) (Granada, metade do século XIX) no seu Porto de Vigo de noite con lúa chea. O resultado, no que atinxe á paisaxe, é unha pintura, en certo senso, produto dunha ollada compracida, que quere captar a realidade pero que non pode ocultar a subxectividade e mesmo aspectos do ideal, que se agacha no substrato do pensamento dos artistas.

A fórmula dominante de achegamento artístico á cidade será a realista-pintoresca, de tal éxito que acabaría por converter, xa no século XX, os peiraos do Berbés e o porto de Vigo en tema predilecto dunha parte substancial dos creadores galegos durante décadas.

Este tema do Berbés configúrase como un dos motivos característicos da pintura de paisaxe galega, axudando a construción do paisaxismo do sur de Galiza. Esta paisaxe do sur de país mantén certas pegadas románticas, baseándose na representación das arquitecturas desde un notábel interese polo pintoresco, creándose unha tradición marcada pola influencia de Serafín Avendaño e da pintura e ilustración galegas de Francisco Pradilla, ambas xa comentadas. As escenas de Vigo –peiraos, recantos urbanos, soportais…- son un perfecto exemplo, que reflicte unha paisaxe simbiótica de mar e terra, presencia do home, da súa man e do traballo na paisaxe.

Este é o tema de obras de artistas como Benigno Pereira Borrajo (Vigo, 1874-1971), que segue os modelos decimonónicos cun luminismo efectista; Fernando Álvarez de Sotomayor (Ferrol, 1875-Madrid, 1960), autor en 1931 de tres lenzos da Ribeira, un deles, O Berbés (Museo de Pontevedra), é unha das súas mellores –e máis modernas- paisaxes, con trazos impresionistas. Achegado a Sotomayor na súa concepción do bucolismo costumista está a obra de Carlos Sobrino Buhígas (Pontevedra, 1885-Vigo, 1978), autor da Paisaxe da Guía, que insire unha escena popular en primeiro plano e unha vistosa paisaxe, na que se pode enxergar a propiedade do comitente ao fondo. Este tipo de pinturas, de acentuada visión idealista, acaban como obxecto de consumo para a elite social galega que prefire ese universo utópico e non a realidade conflitiva. O costumismo ruralista alcanza, daquela, o seu apoxeo e o seu éxito, tamén comercial; un costumismo que deriva dunha contemplación distanciada e pintoresca do popular. As clases populares son obxecto pero non suxeito das obras. Percibimos que os pintores consideran que poden e deben conservar unhas formas de vida, costumes e preocupacións xa distintas dunha burguesía que se sitúa fóra do escenario, no patio de butacas, enxergando a representación.

Neste ronsel temático, con diferentes estilos e actitudes, estarían artistas como Ángel Botello (Cangas do Morrazo. 1913-Porto Rico, 1986), con atractivos trazos postimpresionistas; Julia Minguilllón (Lugo, 1906-1965); Manuel Abelenda (A Coruña, 1889-1957); Manuel Castro Gil (Lugo, 1891-Madrid, 1961),… e prestixiosos pintores non galegos como Joaquín Sorolla (Valencia,1863-Cercedilla, Madrid, 1923). O valenciano pinta en 1900 a nosa cidade, o porto e a ría no seu característico luminismo, un estilo que responde a presupostos realistas enfeitados dun efectismo cromático e lumínico de altísimo nivel de calidade, eis os Piñeiros de Galicia e mais Mariñeiros no Berbés. Sorolla para en Vigo antes de visitar a Exposición Universal de París e amosa o seu gusto polas paisaxes de ría afirmando en carta ao seu amigo Pedro Gil que “en Galicia hay algo poético que si lo cojo habré hecho algo interesante. ¡Cómo gozarías tú! Esto sí que es mar (no azul) pero qué grandiosidad. El campo es espléndido de lineas y vegetación, tanto que parece hecho por los mismos poetas; pinadas a la orilla del mar, flores, nieblas, brumas…”.

 A Sorolla poderiamos acrecentar outro nome relevante de comezos do XX como é o fauvista francés Albert Marquet (Bordeos, 1875-París, 1947), que ao seu paso pola nosa cidade non resiste a tentación de reproducir os mesmos motivos: os peiraos, o porto e a ría, pintado en Vigo un numero de obras notábeis en 1932 cando para na cidade dentro dunha longa viaxe pola Península Ibérica que realiza en compañía do pintor Charles Camoin. Outros exemplos son os de Luís Maristany de Trías (Barcelona, 1885-Porto Alegre, Barsil, 1964), pintor catalán -logo naturalizado brasileiro- que en 1927 expón en Vigo con suceso, regresando en 1930 altura en que pinta A volta da pesca no Berbés; e o madrileño José Bardasano (Madrid, 1910-1979) –que acabaría exiliado en México e estreitamente ligado ao PCE1-, autor do óleo Redeiras do Berbés, realizando logo do seu regreso do exilio e que constitúe unha serodia continuación desta mesma temática.

Unha observación desde a perspectiva do que os pintores escolman como temas da cidade resulta tamén moi esclarecedora no que atinxe ao que lles interesa reflectir e o que non é obxecto da súa atención. Cando chegaban a Vigo, seguro que con certa sorpresa, moitos pintores serían testemuñas do notábel impulso modernizador –aquí hai fábricas, guindastres, novos edificios…- do que é espello a publicidade bancaria realizada desde presupostos estéticos renovadores, velaí o anuncio o que deseñou Cándido Fernández Mazas (Ourense, 1902-Castro Caldelas, 1942) para a Caja de Ahorros de Vigo (cir. 1925) ou o do Banco Pastor (1930) de Carlos Sobrino cos edificios do banco en Vigo e A Coruña presentados como fachos da modernidade e mais o progreso, nunha composición moi art déco con detalles de potencia volumétrica. A este ambiente e influxos responden abondosas obras con finalidade publicitaria do mesmo Carlos Sobrino, carteis como o da Compañía Hamburguesa Sudamericana (1936) ou o das Patentes Monteferro, ambos representando estilizadas mozas en traxe tradicional como reclamo, captadas cun ar “racial”, por usarmos unha expresión en voga nestes anos, e con fondos paisaxísticos de ría. Tamén de influxo art déco é o cartel de Luis Gil de Vicario (Burgos, 1900-Barcelona, 1959) Vigo, 1930. Fiestas de agosto que fai convivir os rañaceos e os peiraos. Este artista, que chegou desde Murcia, onde xa desenvolvera un salientábel labor como ilustrador2, impartiu docencia no Instituto de Vigo entre 1928 e 1934. Fundou e presidiu a agrupación local do partido Acción Republicana e foi un sobranceiro deseñador de carteis que mesmo ampliou estudos en Alemaña e Austria, pasando pola Bauhaus.

Así e todo, en xeral podemos percibir en boa parte das obras destes anos o mantemento de valores culturais e materiais tradicionais, que son o obxecto e foco preferente do ollar da maioría dos artistas. Unha procura da singularidade desde a percepción pintoresca, etnográfica ou identitaria que está na base da escolla de temas como o Berbés e as escenas populares mariñeiras, constantes na produción que ten como temática a cidade.

Os Novos: Maside, Torres, Virxilio Blanco, Laxeiro, Colmeiro reformulan a paisaxe urbana deixando atrás o tópico costumista. O Vigo republicano é o da eclosión deste novo ollar, coa pintura de todos Os Novos presente nas mostras da cidade. Por aquí pasan, expoñen e/ou viven os principais nomes desta nova arte que concreta universalidade e identidade, tradición e compromiso ético. Velaí as obras de Torres, Maside, Souto, Colmeiro, Virxilio Blanco, Laxeiro… de permanente pegada entre nosoutros e que lentamente irán diversificando a percepción da cidade, ampliando o seu ollar, dirixido xa non apenas para o porto e os peiraos, senón tamén para as rúas e para as escenas laborais e industriais captando a paisaxe proletaria do nosos estaleiros. En xeral, foxen da paisaxe anecdótica do rexionalismo naturalista, marcando distancias con el, sometendo os mesmos temas (porto, Berbés) e os novos (paisaxe urbana e proletaria) a un proceso de estilización, produto da contemplación estética da realidade. Xa non se achegan aos temas cunha concepción substancializante do cromatismo, senón que parten dun sutil subxectivismo, ollando estas paisaxes sentimos que a verdadeira realidade non está no obxecto mesmo, senón na visión persoal do obxecto, na fluída impresión que suscita el en nós.