Sendo as 19.10 h horas do día 19 de maio de 2023 reúnese o xurado do 3º premio Exeria formado por:
- Xabier Paz Canalejo, presidente da xurado.
- Remedios Copa Sánchez, polo Ateneo Atlántico.
- Helena Pousa Ortega, pola Fundación Xoán Piñeiro.
- Xosé Alfredo Naz Fernández gañador da 2ª edición do certame Exeria de relato curto.
- Alberte Momán Noval, (telemáticamente) finalista da 2ª edición do certame Exeria de relato curto.
- Fernando Fernández González, Secretario, con voz e sen voto.
Unha vez realizadas as pertinentes deliberacións, e por maioría, o xurado decide outorgar o primeiro premio do 3º Certame Exeria ao orixinal titulado “Lugar fermoso”, valorando de xeito especial a habelencia para desvendar o dó e o loito do pasado histórico por debaixo da beleza da paisaxe e do ambiente doméstico. O relato con grande economía de medios e un ritmo narrativo áxil. desenvolve unha historia densa de contraste entre o mundo afectivo e a memoria histórica.
No tocante ao accésit, o orixinal premiado é o titulado “Nó mariñeiro”, valorando, neste caso, o arrandeo temporal que artella, con tensión crecente, un relato de soidade e vinganza, envolto en lirismo urbano.
O xurado fará entrega do resultado do fallo á persoa responsable da custodia dos documentos para que abra as plicas correspondentes e proceda a comunicar o resultado aos premiados premiadas.
Péchase a sesión sendo as 20.00 horas.
O Secretario, Fernando Fernández
Apertura de plicas
Unha vez emitida a acta, procédese á apertura das plicas dos dous orixinais premiados, co seguinte resultado:
- Lugar fermoso: autor, Lois Alcayde Dans
- Nó de mariñeiro: autor, Pablo Nogueira Campo
Valoracións do xurado
Lugar fermoso.
A paisaxe cobertura da historia. A interacción entre o mundo familiar e afectivo e o tempo histórico. O relato, escrito en primeira persoa, rememora a relación de dous nenos na beiramar da Ría. A primeira palabra, papá, á o eixo da narración. O estilo claro e ameno debulla a trama, a vida do narrador e da súa relación con outro neno, exponse con trazos precisos e gran economía. Un manto de amena tranquilidade vaise compoñendo ganduxado por una xaculatoria: “que lugar fermoso” do neno ensimesmado. A anomalía semella suavizada por detalles domésticos. Algúns trazos fan asomar o pasado silenciado. Ao final o lugar fermoso, sen deixar de selo, revélase lugar de dó e loito, lugar de morte.
Nó mariñeiro.
A vinganza do abandonado ou as dúas caras da paixón. Os perigos da paixón hipertrofiada, un tema clásico na literatura. A primeira frase anuncia algo impensado. Tamén escrito en primeira persoa, a trama desenvólvese no marco realista da cidade de Vigo e a Ría. O ambiente descrito con trazos de lirismo urbano fai discorrer a narración cun ritmo áxil. O relato componse de tres tempos: felicidade, abandono e vinganza. Logo de expor o contraste: beleza e felicidade fronte a tristura e deriva, refírese o contido que vai dun extremo a outro. Co ir e vir temporal conséguese o aumento pautado da tensión que desemboca en delito e pecha o nó urdido na soidade.