Certame Literario Exeria 2021
Modalidade Poesía
Poesía gañadora: Agasallando ledicia visual
Azucena Arias
Non poderedes citar
todas as miñas expresións de arte.
Verbas, figuras
e cores sobre cemento,
pedras novas e con historia, …
amósanse sobre min
cal abano de estilos artísticos
en contextos co meu acento .
Arte,
creacións emotivas,
moitos retallos
ou anaquiños de vida cotiá,
momentos de lecer e de traballo,
intres de verán e duro inverno,
lenda e mitos,
seres doutros universos…
Fago metamorfose
converténdome,
cambiando de aspecto,
perfeccionándome,
embelecéndome.
Son unha porta:
o lugar para acceder a lugares alén do mar.
Ábrome e combato a estenose.
Son unha cidade nova
mais levo engruñas milenarias.
Reclamo amosar os meus alicerces ,
os antigos poboamentos que levo nas entrañas.
Son cidade e son cultura:
semento polas rúas as miñas crenzas, costumes e sabedoría,
gardo en cada recuncho día a día
predios, estatuas, murais,…
mostras únicas antigas e actuais
mostras efémeras
e duradeiras.
Son unha cidade agasalleira
ledicias visuais.
Poesía finalista: Tabú
Adela Pintado
Teño unha cona preciosa
que din me fai muller
mais hai quen sen tela
síntese muller tamén.
Teño unha cona mandona
que rebelde din que é
mais ela non ten dono nin dona
e non infrinxe regra nin lei.
Teño unha cona teimuda
que manda máis cá min
mais ás veces é temerosa
porque a poden facer sufrir.
Teño unha cona famosa
por Vigo a podedes ver
pintouna Lupita Hard
con mensaxes para ler.
Reivindica a igualdade
visibiliza á muller
con textos que dan folgos
para nós non decaer.
Esta sociedade machista
que aínda é patrialcal
precisa dun cambio
e os tabús eliminar.