Conversa coas poetas Estíbaliz Espinosa e Elvira Ribeiro

O vindeiro venres 2 de marzo, a partir das 20 h na Casa del Libro,
o Ateneo Atlántico presenta un novo acto dentro do seu ciclo
Palabras no espello.
Neste caso trátase dunha Conversa con… na que se falará, en
feminino, de poesía.
Así, as poetas galegas, Estíbaliz
Espinosa
e Elvira Ribeiro conversarán cara a cara da man da tamén
escritora Laura Caveiro. No acto presentarannos os seus últimos
poemarios publicados: Curiosidade (Aira Editorial, 2017), no caso de
Estíbaliz, e Welcome to Sing Sing ( Ed. Barbantesa, 2017) no de
Elvira. Cada unha das poetas falará da do libro e a poesía da súa
compañeira na mesa…

Elvira Ribeiro (Cerpozóns, Pontevedra, 1971) é mestra e
licenciada en filoloxía galego-portuguesa. Comezou a escribir poesía
en diferentes páxinas web e en publicacións periódicas e
colectivas. En 2005 dá o salto e publica o seu primeiro libro
individual, Andar ao leu, (2005, colección Tambo de poesía
da Deputación Provincial). No mesmo ano sae Arxilosa, na
colección Hipocampo Amigo. O seu último poemario é Welcome to Sing
Sing (2017, Barbantesa).
Ten sido distinguida co Premio Xosé Neira Vilas 2008 por pAlAbrAs
brAncAs (Xerais, 2008), co Premio Vitoriano Taibo 2009 por Biografía
da Multitude (IEM, 2009), escrito en colaboración con Sivia Penas ou
o Premio de poesía Avelina Valladares de 2013, por corpos
transitivos (Fervenza, 2013).

Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974), deuse a coñecer en1999 con
Mecánica Zeleste. Posteriormente, publicou a triloxía: Pan (libro
de ler e desler) (Sociedad de Cultura Valle-Inclán, 2000), –orama
(Colección Tambo, Deputación de Pontevedra, 2002) e número e
(Espiral Maior, 2004), que forman un ciclo con textos que aluden aos
números, á identidade perdida e á cibernética. Na rede é
responsábel de varios proxectos: os blogs …mmmm…, […] e abra
la cápsula, por favor. Ten gravado audiopoemas (Instituto Cervantes
de Nova York, El Gaviero, 2005) e podcasts (1º premio de Podcasts
Poético-Artísticos do Ajuntament de Tarragona, 2006). Codirixiu e
presentou Ulalume, un programa de contacontos na radio independente
Cuac FM (1996-2001). De aí xurdiu Contacontos Ulalume, e colaborou
en varias obras de teatro, e ten actuado no campo musical como
cantante. Ten colaborado con numerosas revistas de ámbito nacional e
internacional. Acadou, entre outros, o Premio Esquío de poesía de
1999, por Pan (libro de ler e desler), o Premio Espiral Maior de
2001, por número e, ou a XV edición do Premio de poesía
Afundación, en 2017, por As neuronas irmás.O seu último poemario
publicado é Curiosidade (Aira Editorial, 2017), no que, tentando
achegar o mundo da ciencia e das letras, observa o mundo desde a
poesía, a prosa poética, a ciencia, a tecnoloxía, a lingua,
astronomía..

Laura Caveiro (Vigo, 1967) é autora das novelas Polas
inmensas e alleas fortunas
, publicada por Edicións Xerais de
Galicia en 1995, e As naos afondando, editada polo Liceo
Rubia Barcia no ano 2000, obra coa que gañou o I Premio de Novela
Cidade de Ferrol-Liceo Rubia Barcia de 1999. En 2003 participou no
volume colectivo Alma de Beiramar no que a Asociación de
Escritores en Lingua Galega se pronunciaba en contra da marea negra).
Colaborou e colabora habitualmente en medios de comunicación como
crítica literaria (Faro da cultura, La voz de Galicia, Grial…).