O día 2 de Outubro de 2024 xuntámonos 17 persoas, no noso local, para abrir o novo curso literario do Club de lectura. Nesta ocasión tivemos o acordo de facelo con dous libros de Paul Auster traducidos, magnificamente, por Eva Almazán ao galego. “Un home na escuridade”, onde asistimos a unha intelixente reflexión sobre o ben e o mal, sobre a propia esencia do xénero humano que xurde da entraña dos personaxes e “Brooklyn follies”, onde Natham, o personaxe principal, descubre que non foi a Brooklyn a morrer, como así semella, ao comenzo do libro, senón a vivir.
Paul Auster (1949-2024) Premio Princesa de Asturias das Letras en 2006. É un poeta, novelista, ensaísta, tradutor, articulista, crítico literario, guionista e director de cine estadounidense. Os enigmáticos xogos e as labirínticas tramas entrelazadas polo azar da súa narrativa e a súa prosa fluída, elegante e viva marcaron un novo punto de partida para a novela norteamericana.
Obras como A Triloxía de Nova York, O pazo da lúa, A invención da soidade, Leviatán, O diario de inverno, O libro das ilusións, 4321, A chama inmortal de Stephen Crane, Un país bañado en sangue e Baumgartner (a última publicación) forman parte, para un gran lectorado, do canon literario máis recente.
Síntese en débeda con Kafka, Cervantes e Beckett ao consideralos como mentores da súa escrita.
A tormentosa vida familiar, o estar copado de acontecementos con necesidade perentoria de ser contados, unido a esa innata capacidade para contar historias e co aliño da súa prosa sorpresiva, con meandros, buceos. liñas tanxentes entre realidade e invención, que nos fan adictos, nos leva da man e nos interrogan veladamente, para dar resposta persoal ao que propón abertamente. Este eixo vertebrador fan de Auster un escritor moi significado (Ábrese paréntese: para aqueles que forman lexión e teñen nese híbrido de clásico, en tanto a expresión, e de vangardista, en canto a estrutura e ao fluír da historia). A paréntese é necesaria porque entre nós, houbo intervencións moi atinadas e respectables de considerar a súa literatura como un tanto tópica, encorsetada, artificial e repetitiva.
Consideramos que o autor, baseándonos non só nestas dúas lecturas, senón na inxente obra publicada, que hai temáticas que abondan en todas elas. Son o abandono, a miseria, a busca do pai –o fillo sen pai-, a súa propia vida externalizada por un narrador en segunda persoa, moitas das veces, que a distancian da autobiografía per se, o poder das causalidades –do azar-, a capacidade salvadora do amor, a busca de identidade, a soidade da vida actual, a conflitividade social, as enfermidades, as relacións de parella, a morte, a vellez, a esperanza, o fracaso, a influencia das artes, o pracer de ler…
Despedímonos , como sempre, satisfeitos por compartir novas lecturas. Quedamos citados o 6 de novembro para “debullar” Estado del malestar de Nina Lykke [Temos que suxerir non perder de vista as outras dúas opcións, por meritorias: Hotel silencio de Audur Ava Olafsdottir e Las primas de Aurora Venturini]. Ogallá atinemos na nova dose nutricional. Apertas.