Nobre xogo, afouteza e corazón
O xoves 24 de outubro, na Casa Galega da Cultura, e para conmemorar o Centenario do Celta, Manolo Bragado e Jacobo Buceta fixeron memoria para nós dunha fermosa selección de lembranzas da súa relación co clube de fútbol que os vigueses e viguesas levamos no corazón.
O presentador do acto, Nacho Pérez, falou do título do acto ‘Creo que estou namorado’ como un enunciado que define, sen ánimo de explicar, o inexplicable. No seu momento puido ser ‘Nobre xogo, afouteza e corazón’, pero prevaleceu o inicio do himno do centenario de C. Tangana fronte ao himno tradicional, algo devaluado nos seus principios pola mercantilismo do fútbol actual.
Fixo, tamén, o seu pequeno exercicio de memoria para destacar un dos episodios máis memorables da historia do Celta: o período en que foi presidente Luís Iglesias (1942-48). Foi con Zamora de entrenador dos Simón, Gaitos, Yayo, Miguel Muñoz, Pahiño, Aretio, e un longo etcétera de nomes que forman parte da Historia celeste. Para moitos, o mellor equipo de toda a historia do club e que á postre sería o que xogaría a primeira final de Copa, en 1948, contra o Sevilla, o que lograría a cuarta posición no campionato de liga de primeira división (a mellor en toda a súa historia), ou o que batería todos os récords de permanencia ininterrompida do Celta en primeira división (14 tempadas, fazaña que permanece inexpugnable a día de hoxe).
Manolo Bragado falounos de sentimentos: de que a paixón polo Celta -en xeral o fervor por un club de fútbol- entra no ámbito dos sentimentos e nunca da razón. Lembrou a súa ‘saída do armario’ como celtista para unha reportaxe para El País na que se trataba de relacionar cada club de primeira división cun persoeiro da cultura e o elixido para representar ao Celta foi el. Os seus primeiros anos en Balaídos, da man do seu pai, para ver aqueles xogadores que quedarían na memoria para sempre (os Suco, Manolo, Lito…, e en especial, Quique Costas, con esa extraña mestura de mágoa e orgullo cando marchou ao Barcelona). Lembrou, tamén, o día en que moitos anos despois, e xa como director de Xerais, atopou a Lito, un dos seus xogadores míticos da infancia, exercendo como libreiro. A gramática celeste. Como a día de hoxe a rapazada non ten referentes para bordar a súa camiseta pois cando os Brais ou Gabi empezan a destacar pasan a ter outras cores.
Pola súa banda, Jacobo Buceta aportou frescura e un punto de vista máis actual sobre o Celta. No tocante á importancia do centenario destacou o exercicio de memoria histórica que se está a facer para recuperar o pasado do fútbol en Vigo, con mención ás investigacións de Xosé Ramón Cabanelas que apuntan a que o ‘foot-ball‘ puido entrar en España por Vigo, da man do Cable Inglés (1873) e non por Riotinto (1878). Un dos seus ‘orgullos’ celtistas, afirmou, é esa sinxeleza e honestidade propia da cidade e que se transmite ao club. O ‘centenario’, por exemplo. En contra doutras varas de medir, trátase do centenario real da fundación do Celta; porque se a esta data lle sumamos os anos de historia do Fortuna e do Vigo, hoxe estariamos a falar da conmemoración dos 120 anos, e, neste aspecto, o Celta estaría á altura do Real Madrid, Atlético de Madrid e, por suposto, da maioría do considerados grandes clubes da Liga española. (Ver Nota)
Co seu inconfundible estilo radiofónico, e a base de pinceladas, repasou momentos importantes do seu devir celeste; uns, no exercicio da súa profesión; como exemplo, inchando peito ante o primeiro trofeo europeo gañado para Galicia polo Celta, ou os éxitos en templos do fútbol mundial como Vila Park, San Siro, Anfield ou Old Trafford. Lembra tamén un decisivo partido Celta-Real Madrid polo descenso vivido camiñando polas rúas de Salamanca naquel 1997 dos seus tempos de estudante (salvación e victoria cun contundente 4-0 e triplete de Gudelj).
Xa en período de preguntas e conversa máis distendida asomaron aspectos varios. Destacan a non existencia dunha sección femenina no Celta, a xestión empresarial por parte da familia actualmente propietaria do club (a onde foron os 60 millóns de euros -grosso modo- das vendas de Gabri Veiga, Brais Méndez e Rubén Blanco?) (60 millóns, practicamente, no último ano; beneficio neto pois os tres eran da canteira celeste). Jacobo Buceta compartiu con nós os once ‘ideais’ da historia do Celta elaborados por compañeiros periodistas e por el mesmo. Estaban, como non, os Maté, Cañizares, Cáceres, Berges, Mazinho, Mostovoi, Gudelj ou Iago Aspas, onces que en boa medida coincidían co elaborado por votación polos afeccionados para celebrar o Centenario (Cañizares, Míchel Salgado, Fernado Cáceres, Hugo Mallo, Manolo, Mostovoi, Mazinho, Karpin, Iago Aspas, Gudelj e Pahíño).
Falouse de crise dos avais e das mareas celestes para tentar salvar ao club dun descenso a segunda B; en Vigo, no Porta do Sol, todos eramos o Celta; cerca de 5000 viaxaron a Madrid en pleno agosto para esixir unha solución. Tamén houbo unha referencia especial, compartida, a que o Celta é quen de traspasar as fronteiras de VIgo e de que os sentimentos mesmo poden ser aínda máis fortes desde a diáspora.
Nota: o Atlético de Madrid, por exemplo, nos datos oficiais da historia do fútbol en España, figura como creado en 1903.
En realidade esta data é a do nacemento do Atletic Club, equipo creado por bilbaínos como sucursal en Madrid do Atletic Club de Bilbao. En 1907 prodúcese a independencia -legal, que non práctica- do club: pasa a chamarse Club Atletic de Madrid e deixa de ser subsidiario do club basco.
Nunha dimensión diferente, en 1937 créase en Madrid un novo equipo: o Club Aviación Nacional.
En 1939, e en risco evidente de desaparición do Atletic Club (década nefasta, acabado de ascender e en postos dun novo descenso), negóciase a fusión velada do Aviación co Atletic dando como resultado o Club Atletic Aviación (un ano despois, e por decreto, castelanizaríase a Club Atlético Aviación). Paradoxalmente, seica que hai documentos que apuntan a que o vello Atletic Club adopta o nome oficial de Club Atlético Aviación, sen fusión, absorción nin trámite que se lle pareza: o peixe pequeno que engule ao grande.
Non sería ata xaneiro de 1947 no que se produce unha nova ‘refundación’ do club con cambios menores como a propia sona (de Atlético Aviación pasa a Club Atlético de Madrid), e outras miudezas como a adopción dun novo escudo.
A casos como este -que non é execepción no fútbol español- debía referirse o mestre Buceta cando se gavaba da honestidade do seu Club, o Real Club Celta, reflectida mesmo no himno: ‘o teu lema é nobre xogo, afouteza e corazón’.