A lingua de Vigo
28 Abril / 19:30 – 21:00
O Ateneo Atlántico presenta o acto: A lingua de Vigo. Quen? Xosé Henrique Costas, presenta Xosé Carlos L. Bernárdez. Cando? O luns 28 de abril de 2025 ás 19.30 horas. Onde? Na Casa Galega da Cultura (praza da Princesa).

Xosé Henrique Costas
Xosé-Henrique Costas González, (Vigo 1962) é un lingüista e profesor galego. Foi director da Área de Normalización lingüística e vicerreitor de Extensión Universitaria da UVigo.
Ao rematar os estudos de Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués) en 1985, foi asesor lingüístico un ano na RG e na TVG. Despois foi profesor na USC, no campus da Coruña.
Entre 1987 e 1994 foi profesor de Lingua Galega nas Escolas de Maxisterio de Pontevedra e Ourense, da Universidade de Vigo. En 1995 doutorouse en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese Aproximación sincrónica e diacrónica o estudio das sibilantes galegas e comezou a dar clase na facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo na que desde 2017 é catedrático de Filoloxía Galega.
Foi director do Departamento de Filoloxía Galega en catro mandatos, director da Área de Normalización Lingüística (2007-2010) e vicerreitor de Extensión Universitaria da UVigo (2010-2014).
As súas liñas de investigación son a Dialectoloxía Galega, a Sociolingüística das linguas minorizadas e a obra xornalística, poética e tradutora de Álvaro Cunqueiro. Deu a coñecer case douscentos poemas inéditos en libro de Cunqueiro, moitos deles “camuflados” como traducións de poemas estranxeiros.
En 1993 foi coordinador do proxecto de investigación Estudio lingüístico, etnográfico y antropológico del Val do Río Ellas. É un dos especialistas na fala do Val do Ellas, na provincia estremeña de Cáceres, sobre a que ten publicado ducias de artigos científicos e catro libros.
Como investigador en linguas minorizadas ten publicado diversos artigos e libros sobre o “Galego exterior” (galego de Asturias, León, Zamora e Cáceres), o aranés, o mirandés, o portugués de Olivença, etc.
Ten realizado estadías de docencia e investigación e impartido palestras en universidades do Brasil, Portugal, Italia, os Países Baixos, Bélxica, Irlanda, Alemaña e España.
Colabora coa Mesa pola Normalización Lingüística, é membro da plataforma en defensa da lingua ProLingua, foi o coordinador do exitoso manual de autodefensa lingüística 55 mentiras sobre a lingua galega. No ano 2012 incorporouse á Real Academia Galega como académico correspondente para o Seminario de Sociolingüística.
É colaborador de Nós Diario,[8] da sección “Voces” na web de ProLingua, de GCiencia. É membro do consello de redacción das revistas Anima+l, Estudios de Sociolingüística e Lingua e Dereito.
Ten artigos en revistas especializadas como Cumieira das Letras, A Trabe de Ouro: publicación galega de pensamento crítico, Madrygal: Revista de estudios gallegos, Revista de filología románica, Limite: Revista de Estudios Portugueses y de la Lusofonía, Boletín da Real Academia Galega, Verba: Anuario galego de filoloxía, Quaderni di semantica: rivista internazionale di semantica teorica e applicata, Grial: revista galega de cultura, Viceversa: revista galega de traducción, Cadernos de lingua e Dorna: expresión poética galega.
No tocante a narrativa ten publicado Ao sur da liberdade (2023). Morgante (primeiro libro da triloxía Banu Marwán, a estirpe do galego, unha saga familiar dos séculos VIII-IX na que desafía os tópicos da historiografía española canónica para integrar o que os novos estudos van descubrindo sobre o papel do Reino da Galiza na altura.
Entre a vontade e o destino (Morgante, 2024) é o segundo libro da triloxía Banu Marwán.
(Da entrada Xosé-Henrique Costas na Galipedia)