O día 8 de Novembro de 2023 estivemos 18 persoas, no noso espazo, para dar boa conta de “Tirano Banderas. Novela de tierra caliente”, de Valle-Inclán. Obra escrita en 1926, editada en América con moitos atrancos.
A punto de cumprir 100 anos Tirano Banderas segue a espertar sensacións moi contrapostas. A novela é considerada a mellor do seu ciclo esperpéntico, de obrigada lectura ao entender das máis esixentes críticas literarias e ten a honra de inaugurar as “novelas de ditador”, anticipándose e disputando posto privilexiado frente a “El Señor Presidente”, “Yo, el Supremo”, “El recurso del método” o “El otoño del Patriarca”, entre outras moi apreciadas.
Santos Banderas é calqueira tirano e a “terra quente”, onde aplica a súa tiranía, é calqueira lugar de América Latina porque Valle o que quere é amosar a corrupción política, económica e moral de toda ditadura.
Para elo valeuse da estética deformante (tomando unha perspectiva dende enriba) do esperpento (que xa tiña definida en Luces de bohemia, obra de teatro de 1920), aplicada a distorsión sistemática de Tirano Banderas e a súa canallesca. A súa brutalidade e arbitrio abre a novela cun fusilamento e dará alimento a un movemento revolucionario que, coa participación do seu home de confianza Domiciano de la Gándara, rematará traxicamente para o ditador.
Valle-Inclán relata os tres días da sublevación ata que o tirano, véndose derrotado, evita a súa filla a deshonra con quince coiteladas para logo cair, el mesmo, tiroteado.
En clave de farsa grotesca vai dando conta dos episodios de ruindade e sofremento, os retratos grotescos e rebaixados, todo presentado cunha mordacidade acerada que non diminúe o dramatismo e a violencia do texto.
O libro, composto por brevísimas secuencias, presenta unha matemática, esotérica ocultista, cabalística estrutura simétrica: 7 [capítulos]/7 [libros no capítulo central]/27 [partes totais].
Destaca a lingua empregada, cos máis dos 100 americanismos incluídos, que Valle defende como un enriquecemento do noso idioma ao incorporar a viveza da lingua oral. Valoramos o esforzo do autor nas magníficas descricións (é pintura con palabras), a valentía ao posicionarse na fronteira expresiva moitas veces, o emprego maxistral dos recursos expresivos (imaxes, metáforas, sinestesias, hipérboles, onomatopeias…), o singular uso dos dous puntos na escrita, que sorprenden e gustan á vez. Mención aparte, merece a dureza, a falla de simpatía, a inhumanidade do tratamento dos personaxes, incluidos matices misóxinos (que só atempera cando fala de Zacarías el Cruzado, cando usa os diminutivos -que tamén podemos entender como desdeñoso- e, por suposto, coas marabillosas descricións que ademais de certeiras é puro arte plástico e musical).
Pechamos á análise de Tirano e de Valle-Inclán coa aportación de sabias indicacións que os contertulios aportaron: Valle e reflexivo, moderno e activo; ante a morte da novela, que entendía Ortega, el propuña esta prosa impresionista, rota de perspectiva [clara alusión ao Cubismo], amalgamada na simultaneidade e na circularidade e impregnada de pura poesía.
Concordamos no 13 de decembro en debatir “As mellores tendas de Madrid” de Manuel Veiga Taboada, desexando unha acertada e proveitosa lectura.