O día 4 de Outubro de 2023 xuntámonos 13 persoas, no noso espazo, para iniciar unha nova tempada do Clube de Lectura con folgos renovados e con ansias contidas e efervescentes. Convocounos un desacougante libro de Rexina Vega, “Ninguén dorme”, que nos visitará en próximas datas para intercambiar impresións con nós.
O achegamento inicial ao relato nos sinala tres vías: unha sensitiva, outra comprometida e unha última estrutural. Explicámolas:
- A primeira, refírese as sensacións que produceu o encontro e lectura do libro. Se facemos unha liña imaxinaria onde situármonos marcaremos as distintas opcións, que van dende quen non foi capaz de rematalo, quen o sufriu con estremecemento e quen o leu valorando o magnífico traballo literario.
- A segunda, entendémola como unha proposta literaria e política, provocadora, de espertar conciencias, de posiciarnos en lugar límite onde anida unha violencia desmedida, sobre todo contra a muller e a inmigración. A autora crea un microcosmos con unha atmosfera asfixiante: un lugar concreto (Hostal en Benavente), un tempo deteminado (Unha noite insomne), uns personaxes arquetípicos e simbólicos (con unha caracterísica común: a soidade e a dor e particularidades que diferenciando estatus [notamos xerarquías no económico e no social] resulta imposible considerar a ningunha delas como modelo esperanzador; si existe, pola contra, empatía coas situacións e motivos que describen os seus sofrimentos).
- A terceira, concrétase no formato do libro. É un libro curto (novela breve) pero cunha dimensión globalizadora que deixa un pouso de completude, chega ata o lugar conveniente e aporta todos os elementos precisos para ter unha trama definitiva. A presentación, en cadros e espazos afastados, dentro da unidade espacial dos feitos, permite visualizar o relato como unha peza dramática. Por outra banda, as descricións son tan nidias, descarnadas, gráficas, corporais, plásticas, hiperrealistas… que pensamos nun guion cinematográfico (visualizamos un wester).
Resumimos, agora, as riquísimas aportacións dos contertulios, que cocretamos en dúas.
En primeiro lugar, a valentía da autora en presentar a mulleres vivas (sen fraxilidade, con sutileza nótase unha reinvidicación feminista) sen maniqueísmos, centradas no corpo (fereza natural, reflexou alguén: fermosísima imaxe), amosando un prodixio de síntese.
Pechamos este bloque, facendo fincapé nun aspecto que acrecenta a súa valía literaria. O relato segue a ser un texto literario porque a autora non fai unha novela de tese aínda que hai un fondísimo substracto teórico de pensamentos sociolóxicos, antropolóxicos e filosóficos. Segue sendo un texto literario aínda sendo un artefacto político. Como o logra? Coa lingua tan especial nutrida de lirismo (o principal mérito, entendémolo en ser capaz de presentar un relato tan brutal e desgarrador e, ao mesmo tempo, tan poético, con imaxes e metáforas sorprendentes e co uso dunha linguaxe axeitada en cada momento e valéndose de termos, ás veces, pouco frecuentes), o fai asemade, coas múltiples referencias literarias explícitas e latentes e sobre todo producindo unha escrita provocadora, concienciadora e reinvidicativa pero cun ánimo intemporal.
Despedímonos ata o 8 de novembro que será Valle-Inclán e “Tirano Banderas” quen nos convide a unha nova festa da palabra.