O sábado 27 de maio de 2023 fixemos anosa saída de primavera, nesta ocasión, coa intención de seguir Os camiños de Rosalía. Ademais dos espazos rosalianos, comemos no Fogar do Santiso e pola tarde visitamos as fervenzas de Barosa e a adega Moraima.
A viaxe comeza no espolón de Padrón onde nos recibiu Manuel Lourenzo Baleirón, gran coñecedor do periplo vital da nosa poeta do Rexurdimento e gran comunicador. Foinos guiando polos espazos urbanos de Padrón e Iria ata o cemiterio da Adina, lugar chorado por Rosalía pois alí enterraron á súa nai e a ela mesma ata ser levada ao Panteón de galegos ilustres.
Seguimos por camiños e corredoiras cubertas de viña e campos de patacas ata chegar ao Pazo de Arretén onde naceu e se criou a nai de Rosalía xunto cos avós a quen ela quixo moito como refire nos seus versos.
Finalmente chegamos á casa da Matanza, alí recibiunos cunha agarimosa charla Anxo Angueira, presidente da Fundación e un dos mellores poetas galegos que nos agasallou con varios recitados de poemas rosalianos. Foi unha mañá moi intensa e con moitas emocións, a guinda púxoa a actriz dramática Tero Rodriguez, do grupo Os Quinquilláns Teatro. Tero, caracterizada como Rosalía, interactuou xunto con Manuel e Angueira cos visitantes do Ateneo que ficamos pasmados da súa interpretación.
Despois de xantar no Fogar do Santiso relaxámonos mentres descargou a tormenta. Fixemos a parada na fervenza do Barosa e dirixímonos a adega Moraima. Esta adega cooperativa deunos a probar tódolos viños do seu catálogo cunha atención excelente.
Regresamos no horario previsto xusto as 9 desembarcamos no Areal.