2023-05-03 ClubLectura RosaChacel

O día 3 de Maio de 2023 reunímonos 15 persoas, no Espazo Cubo, para afondar ao redor de “Memorias de Leticia Valle” de Rosa Chacel. Autora significada das denominadas “Las Sinsombrero”, imperdonablemente esquecida na nómina da “Xeración do 27”.

O libro publicado no ano 1945, en Arxentina, é un clásico da Literatura Española Contemporánea.

Esta vez deuse un caso curioso, prácticamente a totalidade dos asistentes, esperabamos á xuntanza para complementar, coas ricas e atinadas achegas dos contertulios, para clarificar un texto que, respondendo á vontade da escritora, ten moito de ambiguo e suspenso.

O relato mereceunos estes calificativos: sutil, desacougante, asfixiante, inquietante, complexo, desconcertante, reflexivo, filosófico, poético, intuitivo, suxestivo, distante, racional…

Ao noso parecer, as fortalezas do libro conteñen, en parte, as debilidades.

Consideramos virtudes: As evocacións elusivas que fai Leticia, en relación á peripecia de sedución e namoramento; a recreación da narradora na descrición de sutís emocións e de estados mentais excepcionais; a arte da organización elíptica do texto.

As debilidades aparecen nos abundantes circunloquios e na suspensión en detalles e matices que obrigan a unha lectura morosa, detallada, atenta…, se queremos descubrir as alusións que dan norte á comprensión do texto; a vastedade do emprego dese recurso estilístico da narradora, pon en risco a serenidade que prescribe a lectura e produce a perda de datos de relevancia capital. Asemade, a descuberta da madureza e racionalidade dunha nena de tan curta idade, fai dubidar na verosimilitude do libro.

Contrastando os dous parágrafos anteriores, comprobamos o solapamento dos acertos e as eivas.

Son moitos os valores que reclamaron a nosa atención: primeiro, o adianto, no tempo, a “Lolita” de Nabokov, co que comparte temática; a seguir, a petición implícita da autora de convertermos en lectores cómplices e sexamos quen de resolver o asunto, tan aberto a suposicións. Estes son algún dos misterios: onde está a nai de Leticia; que circunstancias aclaran a presencia/non presencia do pai na vida de Leticia; a quen quere seducir Leticia; cales son as dúas desgracias aludidas; ata onde chega a relación de Leticia e D. Daniel; que significado ten o poema de Zorrilla no fondo e na forma na recitación de Leticia (sen esquecer a refencia O Rei Moro); cal é o desenlace do presunto disparo…

Rematamos a sesión preguntándonos sobre a posible autocensura da autora, o contexto da época en que foi escrita, a presencia autobiográfica de principios, crenzas e pensamento de Rosa Chacel, o seu ambiente cultural e status social, a utilización da sedución como arma de poder e tantos temas –moitos sen resposta concluinte.

A despedida foi unánime ao considerar a Memorias de Leticia Valle como un libro tan incitador ao debate e tan oportuno, pola actualidade temática, que anima a unha necesaria reflexión.