O pasado xoves 15 de decembro, no noso novo local da rúa Doutor Cadaval, puidemos asistir con moito gusto á presentación do último libro de Inma López Silva.
Trátase da novela Quen non ten un avó fascista?, publicada na colección Memoria Histórica de Editorial Galaxia.
O argumento que nos propón Inma López Silva xira arredor da idea de que “Hai unha memoria do 36 que é tamén a da retagarda, a dos sorprendidos, a dos que non lograron ser heroes, a dos oportunistas de supervivencia”.
O libro oscila entre a memoria familiar, a ficción e o relato histórico a partir da vida do avó paterno da propia Silvia, alcalde franquista dun pequeno concello rural.
A autora, Inma López Silva, estivo acompañada por Xesús Alonso Montero e a presentación, por parte do Ateneo, correu a cargo de Fernando Picona.
Entre os dous achegáronnos, dun xeito delicioso, ao máis fondo e persoal do libro para desgranarnos, aos poucos, o exercicio de liberdade e democracia que supuxo a súa escritura; tamén soubemos que está inspirada en feitos reais onde o personal faise político e onde se pon en valor a memoria colectiva.
A través do libro que hoxe presentamos, cóntasenos unha historia que se centra nos perdedores e foxe do aspecto heroico que tan a miúdo constrúe a nosa lectura da guerra e a ditadura, retirando o foco daqueloutra maioría que, simplemente, sobrevivía como podía.
A vida da familia retratada en Quen non ten un avó fascista? conta dun xeito orixinal a historia política da Galicia da segunda metade do século XX, dando unha explicación aos silencios, temores e vergoñas que, así, se converten en motivo literario de categoría.
Inma López Silva dedicando o seu libro ao final do acto.
A fermosa dedicatoria que nos dedicou ao Ateneo Atlántico: Para o Ateneo Atlántico de Vigo, casa de memoira e de literatura. Grazas por acoller con tanto agarimo o nacemento deste libro. Bico. Inma. Vigo, 15 de decembro de 2022.
Grazas a ti, polo libro, e por honrar ao Ateneo coa túa presenza.