O Ateneo Atlántico está de volta

Programación do último cuadrimestre

No camiño de volta á normalidade, o
Ateneo Atlántico quere sumar o seu esforzo á recuperación do pulso
cultural da nosa cidade.

A Xunta Directiva séntese forte e moi
ilusionada con este novo capítulo da nosa historia e quere
transmitir as súas sensacións ao colectivo da afiliación
do Ateneo e, en xeral, a todo o sector da poboación que, potencialmente, pode formar parte das nosas seguidoras e seguidores.

Esperando recuperar a participación e colaboración nos actos
que imos organizar que, a grandes liñas, son os seguintes:

  • Club de lectura.
    Periodicidade mensual, o primeiro mércores de cada mes. Na primeira
    xuntanza faremos a posta en común do libro do verán, O
    infinito nun xunco
    , de Irene Vallejo e decidiremos a lectura
    de novembro. Esta xuntanza terá lugar o mércores 6 de outubro, ás
    18.30h no espazo Cubo
    Este pode ser un momento magnífico
    para te incorporares ao club.

  • cinemAteneo. Periodicidade
    mensual, o segundo mércores de cada mes. Recuperación das sesións
    presenciais nos cines Norte coa proxección do documental Billy,
    de Max Lemcke (subtitulado: Torturas, impunidade e silencio;
    voces desde o subsolo da democracia española
    ) e o posterior
    coloquio.

    Recuperación do modelo Cine ao
    Cubo
    , no que se invita a un persoeiro da cidade a compartir
    -comentario, visión e coloquio- unha das súas películas de
    cabeceira.
    Convocatoria dunha sesión aberta
    a todas as asociadas para debater sobre a programación futura das
    actividades arredor do cine e animar a novas incorporacións ao
    grupo de traballo que se encarga de planificar e coordinar o
    cinemAteneo.

  • Ciclo de actividades polivalentes
    arredor da Historia de Vigo.

    A primeira será o 4 de novembro e
    xirará arredo do Vigo medieval; contará coa participación
    dun historiador e dunha experta nas cantigas de Martín Códax; por
    último teremos unha breve actuación de música medieval
    interpretada con arpa.
    O segundo capítulo xirará arredor do
    Vigo do século XIX.

  • Ciclo de conferencias en
    colaboración coa Rede para o Decrecemento Eo-Navia/Galiza/O
    Bierzo.
    Dará comezo o 14 de outubro e constará das seguintes propostas:

    • A crise enerxética

    • Repercusión da crise enerxética
      no sector da alimentación.

    • A escaseza das terrar raras.

    • Antropoceno e desaparición da
      diversidade.

    • Propostas para unha sociedade do
      decrecemento.

  • Charlas-coloquio para a
    presentación de novas publicacións; será unha mensual e xa
    podemos adiantar as que serán as tres primeiras.

    • Catas
      na memoria: a represión no Val Miñor
      , de Carlos
      Méixome

    • Clase
      y política en España I. Estructura social y clase media en la
      democracia postransicional
      ,
      de
      Modesto Gayo.

    • A Barcelonesa, de Xabier
      Paz

  • Segunda andaina por Vigo dentro do
    ciclo Ensanche en conserva da man do arquitecto Nacho
    Hortas
    .

  • Organización dun curso de
    iniciación á cata do viño.

  • Edición da segunda revista do
    Ateneo
    ; estará centrada no certame literario Exeria e
    nas actividades desenvolvidas ao longo do ano 2021.

  • Continuar coa campaña Mirando
    polos letreiros
    , que tantas satisfaccións ten dado ao Ateneo
    Atlántico. Trátase, como sabedes, da posta en valor do patrimonio
    gráfico da cidade.

De todo o anterior iremos informando
polos medios habituais: correo electrónico, whatsapp e, en especial,
a través desta web ateneoatlantico.gal

Recibide unha calorosa aperta e unha
migalla da nosa ilusión para manter o Ateneo Atlántico no lugar que
todas queremos que estea.