Aula D (r/ Elduayen 36)
Hoxe inauguramos o ciclo sobre filosofía que, en colaboración co Seminario de Filosofía, demos en titular Voces da filosofía e a psicanálise.
O ciclo desenvolverase en catro sesións (5, 7, 13 e 26 de marzo de 2020, ás 19 horas) nos locais de Aula D (rúa Elduayen 36, Vigo). Neste enlace está toda a información do ciclo completo.
Son raras esas
persoas dun talento excepcional que a miúdo se resisten á
publicación. Alberto Mariño era unha delas. Non son poucas, con
todo, as persoas que tiveron o privilexio de escoitalo, empezando
polo alumnado e profesorado dos
diversos Institutos nos que impartiu clases, o público asistente ás
súas conferencias, a participativa comunidade dos Seminarios de
Filosofía e de Psicanálise que animaba de modo tan estimulante
nesta cidade. Vaia esta homenaxe, aberta a toda a
xente que ama o pensamento, como recoñecemento dunha gran débeda.
Filosofía e psicanálise son campos irmandados desde o momento en que
esta quere afondar nas estruturas psíquicas do suxeito e aínda iluminar
canto de ilusorio hai nesta categoría e todo o construído desde ela.
Eran ambos campos de interese e estudo de Alberto Mariño, que coa
intelixencia que lle caracterizaba nos axudou a penetrar. Este ciclo de
conferencias programado en homenaxe súa, e aberto a toda xente sensible
ás cuestións do pensamento, é dicir, a toda a sociedade, reúne algunhas
voces de ambos campos, filosofía e psicanálise, para facer diversas
calas sobre temas que nos apelan, que a ninguén deixan indiferente.
Nesta sesión inaugural contaremos co catedrático de filosofía da Universidade de Vigo Arturo Leyte, todo un referente recoñecido moi especialmente nos estudos sobre Schelling e Heidegger, de quen ademais é un afamado tradutor. De ninguén mellor que da súa man, para adentarnos nun discurso clave para pensar a nosa época, para calar niso que se chama modernidade e que se quixo vinculada á luz da Razón fronte ás escuridades do Mito. Canto de potencial crítico se agarde nun pensamento que pode adquirir un corte anti ilustrado poderá revelársenos a través da claridade e capacidade de transmisión de que sempre fai gala o noso invitado..