O Ateneo Atlántico, en colaboración co Seminario de Filosofía e Aula D, organiza, ao longo do mes de marzo de 2020, un ciclo sobre Filosofía e Psicanálise.
O ciclo leva por título xenérico Voces da Filosofía e a Psicanálise (Heidegger, Felicidade, Democracia, Compañía), e artéllase coma homenaxe a Alberto Mariño.
As charlas terán lugar na Aula D (rúa Elduayen 36) os días 5, 13, 17 e 26 de marzo, e comezarán ás 19 horas.
Alberto Mariño
persoas dun talento excepcional que a miúdo se resisten á
publicación. Alberto Mariño era unha delas. Non son poucas, con
todo, as persoas que tiveron o privilexio de escoitalo, empezando
polo alumnado e profesorado dos
diversos Institutos nos que impartiu clases, o público asistente ás
súas conferencias, a participativa comunidade dos Seminarios de
Filosofía e de Psicanálise que animaba de modo tan estimulante
nesta cidade. Vaia esta homenaxe, aberta a toda a
xente que ama o pensamento, como recoñecemento dunha gran débeda.
Filosofía e psicanálise son campos irmandados desde o momento en que esta quere afondar nas estruturas psíquicas do suxeito e aínda iluminar canto de ilusorio hai nesta categoría e todo o construído desde ela. Eran ambos campos de interese e estudo de Alberto Mariño, que coa intelixencia que lle caracterizaba nos axudou a penetrar. Este ciclo de conferencias programado en homenaxe súa, e aberto a toda xente sensible ás cuestións do pensamento, é dicir, a toda a sociedade, reúne algunhas voces de ambos campos, filosofía e psicanálise, para facer diversas calas sobre temas que nos apelan, que a ninguén deixan indiferente.
O catedrático de filosofía da Universidade de Vigo, Arturo Leyte, é un referente recoñecido moi especialmente nos estudos sobre Schelling e Heidegger, de quen ademais é un afamado tradutor. De ninguén mellor que da súa man, para adentarnos nun discurso clave para pensar a nosa época, para calar niso que se chama modernidade e que se quixo vinculada á luz da Razón fronte ás escuridades do Mito. Canto de potencial crítico se agarde nun pensamento que pode adquirir un corte anti ilustrado poderá revelársenos a través da claridade e capacidade de transmisión de que sempre fai gala o noso invitado.
Felicidade – Manuel Fernández Blanco (13 de marzo, venres, 19 horas, AulaD)
Seguiremos facendo calas no mundo que nos constitúe co psicólogo clínico
do Servizo de psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de A
Coruña, foi presidente da Escuela Lacaniana de Psicoanálisis, unha das
voces máis prezadas neste campo, Manuel Fernández Blanco, amosaranos
algunhas das pautas actuais que nun momento específico da sociedade
capitalista configuran a nosa subxectividade, como é o caso da
compulsión xeradora de culpabilidade de que temos que ser felices. A que
se nos está invitando e impulsando? Que felicidade é esa á que se nos
apela sistematicamente? Que tipo de suxeito é o que se está a producir a
través destes e outros medios que parecen na superficie coincidir con
vellos anhelos da humanidade? A persistente pregunta polo que somos,
tradúcese na de como se fai que sexamos o que somos.
Democracia – Jorge Álvarez Yagüez (17 de marzo, martes, 19 horas, AulaD)
E se nos referimos ao suxeito do noso tempo, non podemos deixar de ocuparmos da súa comunidade. Falar do ser humano na tradición occidental é falar da polis. Hoxe é lugar común pensar que esta só pode ter una forma política digna: a democracia. Algúns tamén así o pensaron case desde o inicio da filosofía, pero entre un tempo e outro, durante moitos séculos, apenas houbo quen a defendera. Poucos son os teóricos, pero entre eles algúns dos mellores, que ao examinar a fondo esta idea decatáronse da súa condición única e rara que facía que a democracia non puidese ser considerada un réxime mais, independente da súa avaliación, senón unha moi especial categoría sen a cal non era pensable a política e que desbordaba os parámetros habituais da mesma. Jorge Álvarez Yágüez, doutor en filosofía que se ocupou en diversas publicacións destes problemas abordará para nós este pouco coñecido asunto.
Compañía – Alberto Sucasas Peón (26 de marzo, xoves, 19 horas, AulaD)
Falar de filosofía, facer filosofía, pensar, esixe sempre estar con outros. Pensar é pensar xuntos. A miña razón constitúese a través de quen ma da ou ma quita. Non hai logos sen diálogo (dia-logos). Toda subxectividade é inter-subxectividade, todo pensamento dun éo intrinsecamente dunha colectividade. O profesor da Universidade de A Coruña, Alberto Sucasas, autor de recoñecido prestixio particularmente no relativo ao pensamento xudeu, levaranos por ese camiño de ideas apoiándose en tres especiais autores xudeus que constituíron unha pequena sociedade intelectual e de vida: a gran filósofa alemá Hannah Arendt, o que fora seu primeiro marido o filósofo Günther Anders e o amigo de ambos o home que cuestionou algúns dos piares da filosofía ética clásica, Hans Jonas, os tres discípulos de Heidegger e que terían que exiliarse do seu país mentres que o seu grande mestre se afiliaba ao Partido nazi.
Voces da filosofía e a psicanálise é un ciclo de intervencións a cargo de cualificados invitados sobre cuestións que afectan universalmente e que nos
invitarán a pensar e conversar.