Patagonia Express. Xuntanza

Club de Lectura
Patagonia Express
Luis Sepúlveda
Xuntanza
Reunímonos telematicamente 12 persoas
do club de lectura para falar do libro de Luis Sepúlveda. Este libro
foi escollido como homenaxe a este escritor morto por culpa do virus
que nos confinou dous meses e tamén por poder atopalo na rede cando
as bibliotecas e librerías estaban pechadas.
É un libro de viaxes especial, máis
ben uns apuntes de experiencias vividas nas viaxes ou historias
sucedidas nos lugares polos que pasou. Pareceunos que a estrutura era
inexistente pero a todxs nos cativou a prosa poética coa que
describe estas viaxes. Algunha persoa mencionou que lle parecía
curto, incompleto, descontinuo.
Ao inicio da sesión vimos un vídeo
curtiño co que lle puxemos cara e voz ao autor. Nel falaba da
oralidade da súa escrita e da importancia do lar.
En xeral a todxs nos gustou a lectura e
apuntamos unha chea de aspectos positivos:
  • as temáticas comprometidas co medio
    ambiente e coas persoas máis oprimidas, a denuncia do colonialismo
    español e inglés, a crítica ao progreso capitalista, o terror das
    cárceres da ditadura, a corrupción policial…
  • o dominio da linguaxe, a poesía , a
    oralidade
  • -a pescuda do humor e aínda do
    realismo máxico, da esaxeración. A mestura entre realidade e
    fabulación
  • o papel que se outorga de escoitador
    de historias en terras indómitas
  • personaxes desmesurados, perdedores
    heroicos: o avó anarquista, o capitán Palacios, Carlos No Más e a
    súa avioneta “El loro con hipo” , Panchito, Carlitos Carpintero,
    o nazi que escolleu o bando equivocado, os bandoleiros anarquistas
  • o eloxio do nomadismo e da aventura
  • a Patagonia como espazo virxinal,
    exótico, confín periférico cheo de pobreza e abandono
  • as mulleres silenciadas, en xeral
    detrás dos homes e cos papeis tradicionais
  • pechar o relato no lugar no que
    comezou a vida do seu avó que foi quen lle fixo a encomenda da viaxe
  • algúns capítulos marabilloso como o
    do concurso de mentiras, o dos profesores do pobo acompañando ás
    mulleres prostituídas ao cine, o do neno que falaba cos animais
    mariños…
Acordamos por votación que o próximo
libro do club será “Adiós, María” de Xohana Torres e
que intentaremos vérmonos , se é
posible, o primeiro martes de outubro.