O día 1 de marzo de 2023, reunímonos once persoas do club de lectura do Ateneo Atlántico para analizar o libro Os seres queridos, de Berta Dávila. Acreedor do Premio Xerais 2021, trata da maternidade dun xeito non convencional, non estereotipada.
Narrado en primeira persoa, cun estilo moi sinxelo e directo, a autora vainos contando un momento crucial da súa vida na que ten que decidir se volver a ser nai ou non. Por medio de flashback recrea a primeira maternidade e os vínculos afectivos coas persoas do seu entorno, destacando o que establece coa avoa e as amigas. Cuestiona o instinto maternal, describe a depresión postparto e dá xogo para analizar un tema moi de actualidade: as malas nais. Hai no libro un sentimento continuo de culpa da autora con respecto á súa maternidade, un malestar permanente por non dar a “talla”, e á vez o desexo de crear unha relación “igualitaria” co fillo que semella imposible sendo tan pequeno.
Tivemos un debate moi intenso porque se ben unhas persoas mantiñan que lles parecía frío e distante, falto de emoción, outras pensaban que aí radicaba o seu valor: nesa mirada distinta, nesa distancia buscada, nese desapego que fai que en ningún momento aparezan os nomes da protagonista ou do seu fillo.
Pareceunos un libro atractivo á vez que desconcertante, un mosaico que sabe a pouco e suscita moitas preguntas , un libro moi sintético, reflexivo, introspectivo …
Gustounos especialmente a reivindicación da propia identidade da muller por riba da de ser nai. Tamén a aposta firme polo dereito a decidir cando selo e a desmitificación da maternidade tradicional. Pensamos que é un libro interesantísimo para intercambiar opinións nun tema sobre o que non hai moito escrito.