Saída a Valdeorras

O sábado 22 de outubro de 2022, ás 8.30 da mañá, un total de 31 persoas partimos cara a Valdeorras nunha xornada de clima espantoso. Porén a choiva respectounos durante o desenvolvemento das visitas.

De camiño aproveitamos para poñernos en contexto histórico, paisaxístico e etnolóxico da comarca.

Ateneo Atlántico Saída Valdeorras

En tres horas chegamos ao complexo de bodegas Godeval onde Sole nos guiou en todo momento polos viñedos, onde puidemos saborear as uvas que aínda quedan nas partes altas das cepas chamadas as do “rebusco”, o mosteiro de Xagoaza e as covas restauradas onde se gardaba o viño.

Ateneo Atlántico Saída Valdeorras

Rematamos cunha cata comentada de godello acompañado cunha deliciosa empanada de “maravallas” (unha especie de acelga salvaxe).

Ateneo Atlántico Saída Valdeorras

Xantamos dignamente na Taberna Galaica e cando rematamos de novo Sole subiu ao bus para acompañarnos ata a aldea de Córgomo onde nos agardaba Lois, o guía co que fixemos un percorrido polos escenarios mais representativos da vida de Gurriarán.

Ateneo Atlántico Saída Valdeorras

As paisanas e paisanos de Córgomo tiñan moitas casas engalanadas con botellas pintadas formando títulos de poemas do autor das Letras 2022. Lois, en cada parada deu lectura a poemas e ilustrounos con numerosos datos biográficos e literarios de Florencio.

Ateneo Atlántico Saída Valdeorras

Por volta das sete da tarde recollémonos e partimos cara a Vigo baixo unha treboada que nos foi sumindo nunha fonda soneca.

Ateneo Atlántico Saída Valdeorras
Acróstico. Corgomófilo. Nones Araújo

Como broche da actividade, aí vai o acróstico que creou a nosa compañeira Nones Araújo inspirada pola visita a Córgomo.

As silveiras e os piñeiros de humilde natureza
Florencio amou coma a doutos castiñeiros,
Loando os tristes paxaros e
Os inquedos lagartos
Rebuldeiros.
Enxebres recendos pintou
Nas caracochas, o vento.
Cor, mel e arume de figos.
Infinda Galicia de cantares tenros.
Os seus ollos augardente
Do Mexico acolledor viñeron.
Esperaban o poeta
Logo de moitos invernos.
Garnacha de cor vermella:
A música fixo o resto.
De Córgomo a Valdeorras,
Os mais grandes persoeiros,
Galegos que aman a lingua,
Uniron a vellos e nenos,
Rememorando o seu nome,
Ronsel de amigos antergos.
I Vilamartín foi festa:
A perseguir eucaliptos
Rabiosos polas carballeiras.
Aniñando os reiseñores e
Nas bocas, cantariñas costureiras.

Grazas, Nones.