Club de lectura. Outubro. Otoño, de Ali Smith. Xuntanza
O día 5 de outubro de 2022 reunímonos no local do Ateneo 20 persoas para falar d e Otoño, libro da escritora escocesa Ali Smith. O primeiro da tetraloxía das estacións.
A aceptación foi moi irregular, dende quen pensou que era moi complicado de ler, que tardaron moito en entrar, ata as persoas que lles encantou dende o primeiro momento. En xeral estabamos de acordo en que era un libro parecido a un puzzle que había que compoñer e que requería un esforzo da persoa lectora. Díxose que a trama era insuficiente para todas as ideas que aparecen no libro. Que era un libro poroso que deixaba entrar a vida por todas partes, que abre portas e ventás e as deixa abertas…
Ten moitos momentos líricos, outros surrealistas, xogos de palabras, listados… e toques de humor. Unha escrita lixeira, orixinal, nova.
É unha crítica descarnada da sociedade británica actual: o afundimento dos servizos públicos, a falta de integración das persoas inmigrantes, a fin do diálogo democrático, a precariedade, o poder da mentira…todos estes temas co pano de fondo do Brexit.
O libro está cheo de personaxes inacabados, sobresaen Elisabeth, a súa nai e Daniel, pero tamén Christine Keeler e a pintora pop Pauline Boty. A amizade entre a nena Elisabeth e o ancián Daniel é dunha beleza inédita. Dous personaxes en soidade que se precisan mutuamente e que constrúen unha relación amistosa, un amor incondicional que aguanta o paso do tempo. Ese é realmente o tema do libro xunto co amor ao coñecemento e a arte.