Festa de outono
O pasado 4 de outubro, e cunha destacada presenza de socias, socios e simpatizantes, no Ateneo Atlántico fixemos a presentación de actividades da nova tempada 2022-23.
A gala celebrouse no noso novo local, na rúa Dr. Cadaval 17 (antigo espazo Cubo), e comezou ás 20 horas.
O presidente, Anxo Cabada, actuou de mestre de cerimonia levando o fío conductor do acto.
A cantante e compositora Su Garrido Pombo deleitounos con tres das súas cancións escalonadas ao longo da noite.
Nacho presentounos a nova páxina web do Ateneo (ateneoatlantico.gal).
Substitúe ao antigo blog e pretende ser un espazo moderno, diáfano, limpo e participativo que sirva como memoria de todas as inciativas promovidas polo Ateneo Atlántico.
A presentación de actividades do trimestre correu a cargo das persoas da xunta directiva encargadas das distintas seccións do Ateneo.
Fernando falounos das próximas saídas. A primeira, a finais deste mes de outubro, á comarca de Valdeorras, detrás das pegadas de Florencio Delgado e dos magníficos viños da zona. Unha segunda saída será, en novembro, a Bande e o Xurés.
Luisa púxonos ao día sobre o Club de lectura. Continuísmo nun modelo que está a funcionar de xeito marabilloso; a idea é continuar coa programación e retomar o intercambio de libros entre os participantes no club.
Paula adiantounos as novidades do cinemAteno; a comisión de cine ten preparadas diversas novidades que confían teñan a aceptación das películas programadas con anterioridade. Obradoiros e ciclo de cine experimental, recuperando a J. Louc Godard, etc.
Por último, Emilio resumiu algunhas das moitas ideas que roldan polas cabezas da Xunta Directiva no tocante ás actividades relacionadas coa divulgación, reflexión e debate. Seguiremos adiante co ciclos nos que pensamos arredor da nosa cidade; contaremos cos arquitectos Nacho Hortas e Ramón Viéitez. Retomar o tema do Decrecemento e continuar coa reflexión sobre o mundo que nos espera de seguir na liña actual de crecemento desmedido. No ano do seu centenario, homenaxear á actriz galega María Casares cun ciclo e a proxección dalgunha das súas películas…
En fin, un trimestre cargado de ilusión e propostas no que confiamos pechar definitivamente as portas a todas as consecuencias negativas que, sobre a cultura e a sociedade, tivo o coroavirus.
Ao final do acto compartimos uns petiscos e unhas paroladas de vagar que puxeron o broche de ouro a unha magnífica velada.