Klara y el sol
Kazuro Ishiguro

O día 1 de xuño reunímonos
presencialmente 11 persoas para debater sobre o libro do premio Nobel
Kazuro Ishiguro.

A distopía non tan afastada que propón
o libro púxonos en cuestión algúns supostos. Moveunos os marcos.
Produciuse un interesante debate sobre o que aporta e o que resta a
intelixencia artificial. Falamos do traballo que están a quitar as
máquinas e da planificación tan abafante á que se está sometendo
á sociedade.

En xeral gustoulles moito a case todos
os asistentes. Todxs estivemos, durante a lectura, namorados do
personaxe de Klara. Aínda que é un robot ten unha parte tan
inocente, sensible, boa e solidaria que nos cativou. Parece máis
humana que algúns das persoas que a rodean.

Estamos nun tempo de “fronteira “
entre as máquinas e a humanidade que nos suscita moitas preguntas:
pode ter o robot conciencia relixiosa? Substituirán as máquinas ás
persoas?

Estas e outra
preguntas que nos formulamos, deron para unha interesante charla
sobre algoritmos, a educación sentimental, a deshumanización da
sociedade que fai que se humanice a robot, se fai o labor dun anxo da
garda mesturada coa boa salvaxe…

Como elementos menos positivos citouse
que a tradución non é todo o boa que debería e que pode ser
enganoso o libro por canto non é coherente cos principios que
enuncia. Se a conciencia de finitude é o que nos fai humanos, as
máquinas non o posúen; por iso dá a impresión de que o autor fai
trampas no esforzo por facer a Klara humana. Escamotea o tempo e a
morte.

Na parte formal destacouse a limpeza da
prosa e o sinxelo que é lela. Por veces parece un conto para público
xuvenil.