BILLY

Sobre a impunidade, a tortura e o silencio

Mércores 10 de novembro 20 horas
Multicines Norte
Ateneo Atlántico
Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36
Asamblea Republicana de Vigo

O Ateneo Atlántico, xunto coa Asemblea Republicana de Vigo e a Asociación viguesa pola memoria histórica do 36 organizan a presentación do documental Billy.

O proxección, co coloquio posterior, terá lugar o mércores 10 de novembro, ás 20 horas, nos Multicines Norte (Vía Norte, Vigo)
A partir do sábado 6 será posible facer a compra de entradas na páxina web dos Multicines Norte.

Enlace á Web de Multicines Norte para compra anticipada de entradas

 A película

Aínda que inicialmente Billy foi concibida como un relato de ficción sobre a figura de Antonio González Pacheco, máis coñecido como Billy El Niño, dificultades económicas e, en parte tamén, de axenda do actor que ía encarnar ao policía torturador, fixeron que finalmente Max Lemcke, director do filme, optase pola realización dun documental que, rodado sen subvencións de ningún tipo, acabaría sendo financiado exclusivamente por crowfunding. Porén, tal limitación que lastra ao filme como produto técnico-visual, non lle resta un ápice de importancia como documento histórico-memorialista, mesmo poderíamos establecer unha certa metáfora entre as limitacións da produción do filme e as limitacións e atrancos, tamén de medios económicos, que impiden o desenvolvemento das políticas memorialistas que buscan verdade, xustiza e reparación e que loitan contra a impunidade dos crimes do franquismo.

O proxecto naceu a partires dun titular de prensa: “El 30 de abril de 2014, la Audiencia Nacional rechaza la extradición a Argentina de Antonio González Pacheco, alias “Billy el Niño”, argumentando que los delitos de sus torturas durante la ditadura habían prescrito”. Con esta noticia como pretexto, os promotores do filme pretenderon levar a cabo unha viaxe panorámica ao pasado a partir de 20 testemuñas de prisioneiros e prisioneiras antifranquistas superviventes de Billy, todos eles, na súa meirande parte, activistas universitarios, que narran diante da cámara de Lemcke as súas experiencias nos calabozos da Dirección Xeral de Seguridade.

A película recrea unha viaxe ao pasado pero ollado dende o presente; un presente ausente e libre de calquera sinal ou insinuación á vinganza ou ao revanchismo, só necesitado de xustiza para as vítimas. Moitas foron e son as feridas que deixou abertas a ditadura e que aínda non teñen cicatrizado; Billy el Niño nunca foi levado diante da xustiza e morreu condecorado e na máis absoluta impunidade.

Para os produtores do filme “Billy imaxina unha historia usando a crúa realidade. É un reflexo dun país cheo de contradicións. A Transición Española como un documento de traizón, culpa e sangue. Ocorrida hai apenas catro décadas, poucos saben do seu relato oculto. É a hora de arroxar luz sobre as sombras que cimentan a nosa democracia”

Ao final da proxección haberá un coloquio con Flor Baena, irmá de Xosé Humberto Baena e con Miguel Ángel Gómez e Francisco Rodrigues Veloso, ambos torturados por Billy El Niño.

O acto será presentado por Celso López Pazos por parte da Asemblea Republicana de Vigo, e Elvira González Comesaña en representación do Ateneo.