O antropoceno e a crise medioambiental
Xabier V. Pumariño e Montse Valencia
Presenta Remedios Copa
Xoves 11 de novembro
19 horas. Salón de actos da ONCE
Continuando co ciclo sobre Decrecemento, o vindeiro xoves 11 de novembro, ás 19 horas, terá lugar a cuarta conferencia, que estará a cargo de Xabier V. Pumariño (Biólogo ambiental) e Montse Valencia (Asesora xurídica e consultora de medio ambiente).
A presentación correrá a cargo de Remedios Copa (Ateneo Altántico e Rede para o Decrecemento EO-Navia/Galiza/O Bierzo), e o tema a debate é o sempre actual do Antropoceno (e a súa relación coa crise medioambiental).
Antropoceno é o nome proposto por
moitos científicos para denominar a época xeolóxica que estamos a
vivir na actualidade. Segundo esta proposta, o Antropoceno comezaría co inicio da
Era Industrial, aínda que sobre este punto non existe unanimidade.
Hai outras correntes que sitúan o inicio do Antropoceno na aparición
da agricultura.
En todo caso, antropoceno, vén
describir o período en que o ser humano exerce a súa enorme presión
sobre todo o globo terrestre e a todos os niveis.
Unha consecuencia desta presión é a
afección ao vivo, á diversidade, no senso de que xa se empeza a
falar da sexta extinción masiva, con tremendas consecuencias sobre a
biosfera e que xa está a afectar á propia vida humana.