Visita guiada á exposición

Un humanismo moderno
Colmeiro, Seoane, Picasso, Vertés

 con
Xosé Carlos López Bernárdez
(Comisario da exposición)

Martes 16 de novembro, 18.30 horas
Casa das artes

PECHADA A INSCRICIÓN. AFORO COMPLETO

Un Humanismo moderno. Colmeiro-Seoane-Picasso-Vertès, está organizada
pola Asociación Amigos do Pintor Colmeiro e maila Fundación Museo de
Artes do Gravado de Ribeira, coa colaboración do Concello de Vigo.

A
mostra reúne significativos exemplos do traballo gráfico e da
ilustración de dúas figuras cimeiras da arte galega: Manuel Colmeiro e
Luís Seoane, que no exilio arxentino e durante os anos corenta
desenvolven unha estética con resonancias clasicistas. En diálogo cos
nosos autores exponse a famosa Suite Vollard de Pablo Picasso, cen
gravados feitos en diversas técnicas: buril, punta seca, augatinta ao
azucre e augaforte, elaborados entre setembro de 1930 e xuño de 1936 e
as ilustracións de Dafnis e Chloé (1954) realizadas polo artista de
orixe húngara Vertès, un gravador afincado en Francia que desenvolve
unha obra con indubidábeis referencias picassianas nos mesmos anos que
os traballos do noso exilio.

Na obra de Colmeiro e Seoane os ecos
picassianos son tamén evidentes e no contexto da nosa diáspora esta
escolla non é soamente unha opción estética senón tamén política, porque
Picasso realizara en 1937 o Guernica comprometido coa República acosada
en plena Guerra Civil e era, nos anos da II Guerra Mundial, un artista
que, en palabras do escritor Lorenzo Varela “nos señala la puerta
maravillosa, la salida digna, la ventana por la que dar el salto a la
Europa nuestra del futuro
”. O malagueño era xa un referente cívico e
estético de indubidábel prestixio e cunha ben sinalada capacidade de
influencia. Alén diso, o neoclasicismo arcádico picassiano tiña outras
connotacións que o facían atractivo desde estas posicións ideolóxicas
porque se podía apelar por medio del a un substrato colectivo de feliz
equilibrio entre a natureza e a realidade humana, brutalmente ceifada
polas ditaduras fascistas.

A visita será guiada por Carlos L. Bernárdez, co-comisario da exposición.

O máximo de asistentes será de 20 persoas, previa inscrición.