VIGUESES DEPORTADOS AOS CAMPOS NAZIS
Lembrar hoxe e por sempre
Día Internacional de Conmemoración Anual en memoria das vítimas do Holocausto
27 de xaneiro do 2022 ás 19:00h
Biblioteca da EMAO
María Torres Celada
Acompañada por familiares de vítimas:
– Pablo Barreiro, sobriño neto de Domingo Castro Molares, asasinado no Castelo Hartheim
– José González Ferradás, sobriño de José Ferradás Pastoriza, que pereceu no subcampo de Gusen.
María Torres Celada, investigadora histórica, especializada en temas relacionados coa memoria, autora de numerosas publicacións, artigos e conferencias relacionadas co tema. Neta dun represaliado polo franquismo, plasma a investigación da historia do seu avó no Blogue “Búscame en el ciclo de la vida” (finalista nos premios Bitácoras 2014).
Actualmente leva a cabo unha investigación – para un libro – sobre a participación dos vigueses na II Guerra Mundial (exiliados, deportados aos campos de Europa e do norte de África, combatentes, resistentes, espías, etc.); así como unha segunda sobre os deportados de toda a provincia de Pontevedra. No marco desta investigación atópase a nosa exposición.
Hai 77 anos, o 27 de xaneiro de 1945, o exército soviético abría as portas do inferno do campo de concentración e exterminio nazi de Auschwitz-Birkenau.
No ano 2005 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas nomeou o 27 de xaneiro como día internacional de conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto.
Durante a Segunda Guerra Mundial, o réxime nazi deportou por centos de miles de persoas de diferentes nacionalidades a campos de concentración, destinados ao traballo escravo e ao exterminio. Ao redor de 9.300 españois foron confinados nos campos como prisioneiros políticos. Entre eles había máis de dous centenares de galegos, un total de quince eran vigueses. Son vidas que quedaron atrapadas entre dúas guerras e representan a derrota republicana e o racho da distancia da terra pola que loitaron para acadar unha sociedade máis libre.