Visita guiada á exposición
EDUARDO BLANCO
E A OURIVERÍA NA EMAO

Martes 25 de xaneiro e 1 de febreiro
19.15 horas, na EMAO
Duración aproximada 45 minutos

Inscrición previa
O formulario de inscrición abrirase o venres 21 de xaneiro ás 20 horas
O aforo de cada visita está limitado a 10 persoas
Adxudicación por orde de inscrición con preferencia para persoas asociadas
No caso de haber solicitudes suficientes poderá ampliarse a unha terceira visita
en data a concretar

 ENLACE Á INSCRICIÓN PARA VISITA GUIADA OURIVERÍA NA EMAO

A creación da especialidade de Ourivería
na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo veu da man do profesor
Ángel Mareque, no ano 1946. Como no caso da posta en marcha doutras
especialidades, o inicio deste taller na EMAO veu dar resposta á
necesidade de formación de artesáns especializados que cubriran a
demanda de persoal para o deseño e fabricación de obxectos de regalo e
de culto. A nova disciplina mantívose durante tres décadas como o único
lugar de formación desta arte aplicada fóra dos talleres particulares
existentes na cidade.

Eduardo A. Blanco, a quen se adica esta
exposición, foi alumno de Mareque e continuador do seu labor como mestre
da especialidade na Escola dende o ano 1974 ata o 2015, no que se
xubilou. Entrara de rapaz no taller creado por Mareque, co que colaborou
tamén no seu obradoiro profesional. Acadou, daquela, o 1º Premio de
Xoiaría do XII Concurso de Xuventudes de Formación Profesional de
Industria e Artesanía (1966) e foi tamén aprendiz de xoiería do ourive
Manuel Reboreda Alonso e, durante un curto período, de Perfecto Marcos.

Eduardo
tivo durante a súa mocidade un estreito contacto co movemento artístico
vigués, con presencia nas Exposicións ao Aire Libre da praza da
Princesa, entre 1968 e 1975.

Á par da súa actividade como ourive
e mestre desta especialidade, cultiva tamén a escultura, a pintura e o
esmalte. A Mostra que presentamos no Espazo EMAO recolle unha parte
importante da súa produción artesá e artística nestes campos, que
acompañamos dalgunhas obras realizadas tanto polos seus mestres como por
alumnado destacado das clases na EMAO.

A especialidade de Ourivaría
segue hoxe activa na Escola coa mestra Sandra de Jesús, formando a
novas xeracións de persoas con esta inquedanza profesional e artística.

A
través das obras expostas de Eduardo A. Blanco queremos amosar o seu
amplo traballo nas distintas disciplinas que cultiva e, con el, a
excelencia e calidade acadada no labor docente pola Escola Municipal de
Artes e Oficios de Vigo, ofrecendo aos visitantes as múltiples formas,
técnicas e materiais implicados nesta arte.

A información está collida do blog EMAOENLIÑA, onde se pode ampliar.