O día 13 de xuño de 2023 realizamos o acto de entrega dos premios Exeria na súa terceira edición nunha sala ateigada de público. Nesta ocasión o tema central era ‘A ría, aperta de sal’, e o gañador foi Lois Alcayde, co seu relato Lugar fermoso; mentres, o finalista foi Pablo Nogueira con Nó de mariñeiro.
Contamos coa presenza da cantautora M J Pérez que iniciou o acto coa interpretación de “O fío do que pendo”. A continuación a presidenta do Ateneo, Luísa Abad, deu a benvida ás persoas asistentes e agradeceu aos patrocinadores que tivemos este ano: Terras Gauda e VieiraSA, ademais da EMAO que tan xenerosamente nos ofrece o salón onde se desenvolve o acto. Fixo un pouco de historia do galardón e a importancia que ten para o Ateneo.
Cedeu a palabra a Dona Helena Pousa, representante da Fundación Xoán Piñeiro coorganizadora do premio, que falou das dificultades de escribir un bo relato curto.
A segunda peza musical de M J Pérez foi “A luz prendida”.
Vídeo conmemorativo da edición 2023 do certame Exeria
Proxectouse despois un vídeo (realizado por Nacho Pérez) coas imaxes relacionadas coa temática deste ano: Vigo,aperta de sal . Foi entón cando se presentou o xurado de esta edición que estivo formado por: Xosé Alfredo Naz, gañador do ano pasado, Alberte Momán accésit do premio do 2022, Helena Pousa pola fundación Xoán Piñeiro, Remedios Copa polo Ateneo Atlántico e Fernando Fernández como secretario con voz pero sen voto. Elas e eles, presididos por Xabier Paz , foron quen valoraron os 30 relatos presentados este ano.
Galería de imaxes
O presidente do xurado e padriño da presente edición pormenorizou os valores literarios dos dous relatos gañadores e enfatizou a importancia da escrita nestes momentos neste país.
Fernando Fernández entregou a Pablo Nogueira Campo por Nó de mariñeiro o diploma acreditativo do accesit e un talón por importe dos 500 euros dese premio. Encargouse Susi de la Torre da lectura do relato e M J cantou a terceira canción ”A peza solta”
Por último Cuqui Piñeiro entregou o primeiro primeiro a Lois Alcayde Dans polo relato Lugar fermoso consistente en 1000 euros, diploma e estatua de bronce do que ela é autora. Procedeuse despois á lectura do relato gañador por parte de Toñi Caseiro
Rematamos o acto coa cuarta peza musical de M J : “Ora aperta amor”
No Patio de Gaitas da EMAO gozamos dun viño galego e petiscos para celebrar os premios e rematar este curso.