O día 7 de Xuño de 2023 xuntámonos 19 persoas, no Espazo Cubo, para despedir o ano do noso benquerido Club de Lectura. Desta volta acompañounos un magnífico cómic de Miguelanxo Prado, “Ardalén”, que meritou no 2013, O Premio Nacional de Cómic.

2023-06-07 ClubLecturaArdalen

O refrendo á escolleita dun cómic/novela gráfica/álbum ilustrado, banda deseñada, que nesa variedade de nomeamentos transita o libro proposto, foi total, entendendo que logo de ternos entusiasmados coa súa lectura escrita e plástico-visual, cobra valía de obra maior.

Ardalén (Ar do alén) connota co lonxano, coa emigración, co paso do tempo, cos impulsos das lembranzas, coa inconsistencia dos relatorios persoais. É un recurso expresivo que o autor, a xeito de imaxe, ten a intención de cargar de significación.

As temáticas do texto son moitas. A principal, A Memoria, tanto individual como colectiva, pero especialmente ligada coa construción da identidade. Vivimos, cos principais personaxes: a fragmentación da memoria, a aparición de pantasmas, a cohabitación do ilusorio, o onírico, o marabilloso coa realidade, a conveniencia do relato vital. Con esta temática matriz, escoitámonos falar de sufrir, subxectivar, filosofar, liberar tensións… Concordamos, iso si, que Miguelanxo Prado realizou unha obra soberbia pola escolleita dos textos das viñetas e, sobre todo, pola utilización da evocación das ilustracións que, máis das veces, están moi cerca do Realismo Máxico.

Outras temáticas igual de importantes que acompañan, ás veces como música de fondo, e outras, como parte do vestido permanente, convimos en sinalar: A soidade, a vellez, o estigma da loucura, o ruralismo, a mariña coa fauna e flora, a natureza, a emigración, a crítica social, a reflexión sobre a vida, a violencia soterrada, o rexeitamento do alleo, a bondade e a maldade…

Todo o club valorou a potencia do debuxo, o lirismo de todo o conxunto, a emotividade que transmite, a evocación do mundo interior, a vivacidade da expresión plástica, as sinestesias que nos produce a utilización da cor, as reflexións por el obrigadas, tales como: que fai a memoria, a mutabilidade do pensamento e dos recordos, que valor ten o non verbal nas escenas, canto pode chegar a variar a existencia pola confusión…Capítulo aparte, é a utilización de textos non literarios para darlle verosimilitude aos feitos, merecendo especial atención dous aspectos: a reflexión sobre o tempo, coa negación do presente e a explicación do funcionamento da cortiza cerebral.

Un apunte final, que abrangue a totalidade do cómic, é a sutileza do creador en crear como dúas capas: unha primeira, substanciada na literalidade e unha segunda, que con imaxes evocadoras, silencios, posturas, trazos, cores… toma corpo na obriga do lectorado, de afondar en campos diversos, como a filosofía, a antropoloxía, a neurociencia, a ensaística, a psicoloxía evolutiva… que transcende a valía do texto compartido.

Despedímonos ata outubro coa sensación plena de ter logrado unha comunidade lectora moi implicada.