Non fai falla peitear canas para decatarse que o crecemento das cidades non é nada respectuoso coas cousas de onte. E así vemos como desaparecen obxectos que durante un tempo foron parte das vidas dos noso barrios. Os letreiros que reclamaron a nosa atención e orientaron os nosos pasos, desaparecen co peche dos establecementos ou institucións que anunciaron. Noutros casos son substituídos por marcas universais que uniforman as nosas rúas.
No Ateneo Atlántico queremos poñer en valor os letreiros que son sinais de identidade das rúas e barrios, e , xa que logo, das nosas vidas. A campaña “Mirando polos letreiros” tratará nunha primeira fase de inventariar letreiros que por diversas razóns consideredes importantes. Para iso, cada ateneísta, aproveitando os seus paseos e coñecementos, pode facernos chegar información sobre letreiros, anuncios ou carteis que identifiquen establecementos ou institucións e que por razóns estéticas, de antigüidade ou sentimentais consideredes merecedores de atención.
Existe un modelo de rexistro que podedes seguir para enviar a información ao noso correo. Tamén podedes atopar no blog información sobre actividades semellantes que se levan a cabo noutras cidades. Na medida en que nos deixe a pandemia, programaremos charlas arredor do Patrimonio (tipo)gráfico.
Estamos seguros que teredes suxestións para continuar esta campaña e abriremos foros de debate ao respecto na medida en que nolo demandedes.