CdeL. Decembro
3 Decembro / 18:30 – 20:30
O libro seleccionado polo Club de lectura do Ateneo Atlántico para ler ao longo do mes de novembro (xuntanza o mércores 3 de decembro) é San Meteoro, do escritor galego Josiño Araújo. A xuntanza será no salón Vitruvia-Ateneo a partir das 18.30 horas.

San Meteoro
O día do seu vixésimo aniversario, Pedro, quen se considera a persoa máis irrelevante do mundo, láiase da súa intranscendencia mentres contempla o seu reflexo no espello. Á noitiña, só no monte, fumando maría e filosofando sobre a vida ao pé dunha capela, ve pasar unha estrela fugaz e formula o desexo de se converter en alguén destacado. Pero aquela luz fuxidía resulta ser un enigmático meteorito que cae do ceo para cambiar a súa vida, a das persoas da súa contorna e mesmo a da cidade onde vive. Unha historia orixinal, de ritmo cinematográfico e chea de humor. Unha sátira de profunda lixeireza cun final trepidante.
(Da ficha do libro en Edicións Xerais)
Josiño Araújo
Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e na Universidade de Barcelona, e Produción Audiovisual en Vigo, cidade onde exerce a profesión de avogado, intercalándoa coa súa actividade como produtor e distribuidor cinematográfico. Foi colaborador en distintos medios dixitais e analóxicos, dirixiu varias curtametraxes e videoclips, e foi premiado por algún dos seus relatos. «San Meteoro» é a súa segunda novela.
(Da ficha do autor en Edicións Xerais)

