Presentación libro. O cineísta andarengo
18 Novembro / 19:30 – 21:00
Presentación do libro O cineísta andarengo, A propósito de Bernardino de Lamas, de Manolo González. Quen? Manolo González, presenta Luísa Abad. Cando? O martes 18 de novembro, a partir das 19.30 horas. Onde? No salón Vitruvia-Ateneo (rúa Reconquista 7).

O cineísta andarego
Sempre abordamos a historia do cinema dende a perspectiva dos cineastas profesionais, pero poucas veces consideramos de interese o punto de vista do amateur, aquel que, como denota a súa raíz latina amare, implica facer algo por pracer, por puro amor. Bernardino de Lamas, en realidade un pseudónimo do xornalista Alfonso Piñón, é un dos pioneiros cineístas amateur de Galicia. Nos libros de historia do cinema galego apenas representaba algo máis dunha nota a pé de páxina. Falábase esquematicamente dun cineísta descoñecido de Ferrol. Explorando descubrimos que, ademais de cineísta, Alfonso Piñón/Bernardino de Lamas foi un xornalista andarengo comprometido coa natureza, un descubridor de sendeiros ocultos, un filósofo das corredoiras e congostras esquecidas, un singular homo viator. Case un precursor do ecoloxismo contemporáneo adiantado ao seu tempo.
(Da ficha do libro en Edicións Embora).
Manolo González
Manolo González (A Rúa, 1955) é un activista do cinema e o audiovisual galego dende hai corenta anos en diferentes iniciativas do eido industrial, educativo ou institucional. Foi o impulsor e director da Escola de Imaxe e son da Coruña (1990-1998) ou da Axencia Audiovisual Galega (2005-2009). Asemade colaborou coas Universidades de Vigo e Coruña. Coordina o encontro de cineastas da Chanfainalab de San Sadurniño (2014-2025). Nos últimos anos foi publicando libros, folletos e artigos, nomeadamente sobre formación, política audiovisual e cinema de emigración a través de figuras senlleiras do noso cinema como José Gil (“Nos días encantados de agosto”, premio Losada Diéguez 2023) e Antonio Rey Soto (“O benshi de Galicia”, finalista nos Premios Rosalía de Castro 2024).
Vén de ser recoñecido co Premio da Crítica de Galicia 2025 en Cine e artes audiovisuais.
(Da ficha do autor en Edicións Embora)

