Besta do seu sangue
O día 11 de xaneiro de 2023 puidemos ter con nós a Emma Pedreira despois de adiar por dúas veces a cita. Ante 26 persoas que asistimos á sesión, a autora coa súa voz suave e cálida, foinos aclarando dúbidas, contando anécdotas e debullando aspectos do seu proceso creativo.
Encantounos saber máis do mítico Romasanta, valoramos moi positivamente a prosa poética coa que Emma vai contándonos a vida de Manuela-Manuel e a fragmentación narrativa que fai que teñamos que encher os ocos que a autora vai deixando para que poidamos refacer a nosa propia novela e que esta poida ser diferente en posteriores lecturas. Varias das persoas do club comentáronlle que lles soubera a pouco e que era unha obra moi creativa e suxerinte.
Contounos que” Besta do seu sangue” é o resultado dun proceso que durou máis de vinte anos nos que foi recollendo datos que se publicaban, valoracións de outrxs autores…O léxico mantén expresións e vocablos da zona de nacemento do protagonista. Partiu da causa de axuizamento para construír a historia cara atrás. Coidou moito non darlle voz a un asasino e si ás vítimas. Buscou as escusas posibles para que chegase a ser ese psicópata que mata mulleres e crianzas. Neste tema suscitouse unha valiosa discusión no grupo. Concluímos que non é o mesmo explicación que xustificación. Non empatizamos co asasino pero si transitamos con el polos problemas de identidade que puido ter debido a ese cambio de sexo e esa ambigüidade na que viviu. Naceu nena ( mostrounos documentación publicada do nacemento) pero xa se confirmou como neno e a partir de aí viviu coma un home.
Recoñeceu ter lido sobre a licantropía en autores como Risco ou Angela Carter, usar letras de reagueton, chiscadelas e frases de grafittis e sobre todo introducir moita cultura popular.
Na súa teoría de que os libros na actualidade caducan rapidamente, insistiunos na necesidade que ten cando escribe de manter un xogo coa lectora de cara a que volva ao libro e non o deixe definitivamente no andel cando acabe a primeira lectura.
Unha vez rematada a sesión, amablemente, asinounos exemplares dos seus libros.