O vindeiro 15 de xuño, en acto público, procederemos á presentación pública dos orixinais gañadores do 2º Certame de relatos breves Exeria do Ateneo Atlántico.
ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS DO 2º CERTAME EXERIA
Mércores 15 de xuño, 19 horas
Escola Municipal de Artes e Oficios (r García Barbón)
Entrada aberta previa solicitude de invitación en ateneoatlantico@gmail.com
O certame, cunha dotación económica de 1000 euros e un bronce de Cuqui Piñeiro para o gañador, e de 500 euros para un accésit, foi convocado polo Ateneo Atlántico en colaboración coa fundación Xoán Piñeiro e co patrocinio de Bodegas Terras Gauda e Eduardo Vieira S.A.
O xurado, presidido por Xina Vega e formado por Xosé Barral, Helena Pousa, Azucena Arias, Nones Araújo e Luisa Abad (secretaria), reuniuse o pasado 8 de xuño para emitir o seu dictame recollido na acta correspondente.
Toca, pois, a quenda da comunicación das persoas gañadoras e a entrega dos premios correspondentes.
O acto de entrega de premios terá lugar o mércores 15 de xuño, ás 19 horas, nas instalacións da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO, García Barbón, Vigo).
Constará dunha parte académica, na que se inclúe a presentación do acto por parte de Anxo Cabada, presidente do Ateneo Atlántico, a cerimonia de entrega de premios, a lectura dos mesmos e o saúo de Xina Vega, presidenta do xurado.
A continuación proxectaremos unha montaxe de imaxes sobre o tema arredor do que debían xirar os orixinais presentados: Vigo, futuro imperfecto.
Actuación do trío de vento da Orquestra Clásica de Vigo que interpretará fragmentos de R. Muczynski.
Todo o anterior, na biblioteca.
Xa para rematar, pasaremos ao patio interior da EMAO, onde compartiremos un viño galego de confraternización e recoñecemento ás persoas gañadoras, ás empresas colaboradoras e a todas as persoas que co seu esforzo fixeron posible esta segunda edición do premio Exeria.
Lembramos que se trata dun acto aberto a todo o círculo de persoas do Ateneo Atlántico, e empresas e organizacións colaboradoras.
Dadas as dificultades de concreción da organización, a asistencia terá que ser, necesariamente, con invitación a través de solicitude ben ao correo do Ateneo (ateneoatlantico@gmail.com), ben a través do noso whatsApp.