CdeL xaneiro. Recuerdos del porvenir

O libro escollido poloClub de lectura do Ateneo Atlántico para esta primeira sesión de 2026foi Recuerdos del porvenir da escritora Elena Garro (1916-1998).

2026-01-07 CdeL Los recuerdos del PorvenirC

Asisten catorce persoas. O coordinador, Xulio Abalde, anuncia o próximo libro, será Tamarindo de Xavier Queipo que ten comprometida a súa presenza. Ademais, comunica que a madriña da vindeira edición do concurso de relatos curtos Exeria, será a profesora Camiño Noia.

Na rolda de intervencións destacouse que a lectura resultou moi gratificante para case todas as persoas. Outra impresión xeral foi a complexidade que dificultou a comprensión do relato. As causas sinaladas foron o inicio enigmático, a estraña voz do narradora, e o desfile de personaxes. Con todo, a escrita, despregando variados recursos literarios, con abundantes imaxes poéticas, resulta unha prosa estimulante que prende a atención lectora.

A trama permite coñecer un episodio de México pouco tratado, “as guerras cristeras”, ilustrativo e mesmo actual. A novela sitúase no México posrevolucionario da década de 1930. Nela abórdanse a discriminación racial e de xénero, a violencia e a represión social. A autora retrata de xeito cru e realista a violencia exercida polas autoridades militares e os grupos de poder.

Sinalouse coma un dos trazos máis relevantes o tratamento do tempo que aparece como algo case físico, un fluxo con variadas manifestacións, algo cíclico e mítico antes que uniforma e lineal.

Da abundancia de personaxes destacouse o de Juan Cariño, representación a bondade e do poder das palabras sobre a realidade. O misterio que envolve a varios personaxes, Julia, Felipe Hurtado,.. dálle un ton onírico e misterioso ao relato que o fan complexo e, ao tempo, atractivo.

Moitas intervencións destacaron o papel fundamental das mulleres no relato como personaxes activos, motores da trama. O acompañamento da natureza, amplificando as emocións e sentimentos dos protagonistas foi outro dos trazos comentados.

Ao longo de relato denúncianse os desastres da guerra e do racismo, antepoñendo a vontade imaxinativa como vía de posíbel liberación. A narración foi cualificada de traxedia clásica onde o destino semella ditado cos personaxes abocados ao desastre.

Sinalouse o parentesco con outras obras do realismo máxico como Cien añnos de soledad ou Crónica de una muerte anunciada nas que a fatalidade vaise cumprir por riba de todo. A movela péchase onde principiara coa “pedra aparente”, completando o percorrido circular do tempo, da historia tráxica de Ixtepec.

O libro, cheo de frases, de ideas memorábeis resultou unha experiencia proveitosa para as persoas asistentes que expresaron a súa satisfacción pola escolla de Elena Garro e a súa obra Recuerdos del porvenir.