O libro escollido polo Club de lectura do Ateneo Atlántico para o mes de marzo de 2026 foi “El recurso del método” do escritor cubano Alejo Carpentier (1904-1980).

Asistiron 15 persoas para comentar El Recurso del Método de Alejo Carpentier.
A sesión discorreu animada co intercambio das distintas experiencias de lectura. O elemento común foi a consideración de novela barroca, tanto polo léxico variado, trufado de americanismos, como polo amoreamento de referencias históricas e culturais. Un texto denso con moita información na que custa entrar. A partir desta constatación unánime da dificultade, expresáronse distintas experiencias. Varias persoas manifestaron que non remataran o libro polo arduo da lectura; outras indicaron que fixeran o esforzo de continuar e que lles pagara a pena chegar até o final e, por fin, a algunhas pareceulles unha lectura “marabillosa” ou “gozosa”.
En xeral, interesou a temática do ditador “ilustrado” e francófilo, moi ben retratado na dobre personalidade, a oficial de probo e abstemio maxistrado case refinado e a privada de vulgar bebedor afeccionado aos bordeis de luxo e á linguaxe groseira. Comentouse o uso do humor como recurso suavizante. Chamou a atención o contraste entre dúas culturas. A europea aparentemente baseada no método: a lóxica e a orde, e outra, latinoamericana, magmática e turbulenta co método de non ter método senón o uso do lume e o terror. Tamén se comentou a habilidade narrativa para pasar con axilidade dunha situación a outra moi distinta. As descricións resultan moi realistas, eficaces. Os episodios políticos do uso e mantemento do poder: a manipulación da prensa, do terror, da guerra exterior para fins domésticos, as finanzas internacionais… emparenta a historia do Maxistrado coa actualidade internacional.
Quedou a dúbida de se o uso excesivo, recargado e mesmo rallante é un exercicio literario en busca da excelencia ou unha actitude pedante para brillar como autor cultivado.
