San Meteoro. CdeL decembro

As 17 persoas asistentes compartimos opinións bastante semellantes na media hora previa á cita con JOSIÑO ARAÚJO, autor de San Meteorito, obxecto do Club de Lectura do Ateneo Atlántico neste mes de decembro.

2025-12-03 CdeL JosiñoAraujo

En xeral consideramos a novela como un esperpento, ás veces redundante ( o autor tamén coincidía en que lle sobraba texto). O sentido do humor, as frases feitas, a linguaxe fluída e propia da mocidade dálle ese atractivo entretido e apropiado, sobre todo para a xente nova.
Reflicte con acerto as institucións, nalgúns casos, moi sólidas, que se aproveitan sen escrúpulos do suxeito a quen explotar e manipular, como son a Igrexa, a política e as Redes.
Recorda estar inspirado por películas de Berlanga, A vida de Brian dos Monty Pithon… e algunha obra de Eduardo Mendoza (Josiño exprésao así, dende a distancia…, como gran amante do mundo cinematográfico, no que traballa actualmente) xa que na lectura do libro se visualiza con claridade o que nos conta: coma nesas películas cheas de humor crítico e caricaturesco.
Algúns personaxes están moi definidos. Non queren ser do montón e ansían o éxito ou axudan ao protagonista a conseguilo (coma os influencers das redes sociais) : calquera pode ser famoso, simplemente tendo detrás os intereses económicos de alguén, ou o camiño fácil da tecnoloxía.
O autor, que nos deleitou co abano da súa traxectoria artística, tanto visual como literaria, confirmounos que a tolemia do argumento desta súa segunda novela, foi pretendida e buscada e, sobre todo, desexa imaxinar que se poida converter no futuro en secuencias de cine (e vela na pantalla).
A súa terceira obra estará pronto no prelo. Sobre que opina da literatura galega, responde, que nas novelas actuais hai moita gravidade… prefire que sexan distendidas e sen demasiadas pretensións.

Ao remata preguntounos, fóra de plano, que queremos facer da nosa cidade? ( penso que botou en falta ese interese noso por quen fixo un “cameo” na novela, sen ser nomeado…).
Botamos unhas risas e ao remate asinounos o San Meteorito co agradable sorriso do seu talante, que non regateou en ningún momento.