O pasado venres 31 de xaneiro, a Federación Galega de Ateneos reuníuse en Vigo para celebrar a súa xuntanza anual. Asistiron representantes dos sete ateneos que forman a Federación: o Ateneo Santa Cecilia de Marín, o Ateneo de Moaña, o Ateneo de Ourense, o Ateneo de Pontevedra, o Ateneo de Santiago e, actuando como anfitrión o Ateneo Atlántico de Vigo.

Nas distintas sesións de traballo as representantes dos Ateneos Galegos analizaron a súa situación actual e alcanzaron diferentes acordos de actuación.
O primeiro aspecto a salientar foi a coincidencia en amosar unha clara necesidade de apoio institucional; o acordo que se toma é o de pedir unha cita co conselleiro.
Aproban sumarse ao ano Castelao con diferentes actividades de homenaxe ao ilustre persoeiro que rematarán cun acto conxunto dos ateneos representados na vila de Rianxo.
Os Ateneos acordan por unanimidade participar na manifestación de Queremos Galego que se celebrará o 23 de febreiro en Santiago. Portarán unha pancarta conxunta co lema “Galego, lingua de éxito”.
Así mesmo, súmanse aos actos de celebración da democracia e formulan realizar un ciclo de recoñecemento das cidades galegas, e coa intención de rachar co localismo, a proposta é que cada ateneo realice unha actividade na que falará doutra das cidades galegas, sen ser a propia.
Despois dunha intensa sesión de traballo, as persoas participantes visitaron a exposición do MARCO sobre Castelao e remataron cunha comida fraternal.