O día 5 de febreiro, coa asistencia de dezaoito persoas, reunímonos no Espazo Cubo para comentar o libro do mes, Tras do ceo, de Manuel Rivas.

2025-02-05 ClubLectura Manuel Rivas

As intervencións resultaron animadas. Varias persoas declaráronse seguidoras da obra de Manuel Rivas e admiradoras da súa escrita “poética”.
Abundaron os comentarios admirativos pola galería de personaxes deténdose varias persoas en Donbodán, que xa aparecera en Un millón de vacas e no Outro, contrapunto bohemio e poético á violencia que marca o relato.
Destacouse que todas as mulleres, agás unha, aparecen portadoras de valores positivos en tanto que os homes encarna a maldade humana.
Houbo algunhas opinións manifestando certa dificultado para seguir o relato nas primeiras páxinas pola profusión de personaxes aínda sen definir.
Tamén se expresaron comentarios considerando desafortunada a construción do relato, con personaxes prescindíbeis, coma o Piloto ou os tres emigrantes que aparecen e desaparecen. Personaxes que sinalan temas sociais contemporáneos pero non engaden nada á narración. Tamén se consideraron os asasinatos pouco motivados.
O contraste de opinións pode considerarse proveitoso para as asistentes.

Propúxose para a próxima sesión Os anos tranquilos, novela de Llerena Perozo Porteiro. Poderemos contar coa súa asistencia.