O 8 de Xanerio de 2025 estivemoa no noso local 20 persoas, coa impagable presenza das editoras do libro en España, para conversar sobre Trilogía de Jon Fosse, a lectura concordada do mes. Son editoras da valente, arriscada e intelixente proposta da editorial De Conatus; proba delo é que, coa obrigada escasez de títulos publicados cada ano por motivos entendibles, van recollendo froitos incontestables: Jon Fosse, o noso autor do mes do Club, Premio Nobel en 2023, o celebrado Premio Pulitzer “Los Netanyahus” de Joshua Cohen ou a incrible, por orixinal, crítica e satírica, edición das obras de Percival Everett.

2025-01-08 ClubLecturaJonFosse

Jon Fosse (1959, Haugesund [Noruega]) é narrador, dramaturgo, poeta e ensaísta. É recoñecido por abordar temas universais –o amor, a ausencia do sentido das cousas, o sentimento de perda- dende unha perspectiva existencial, enmarcando os textos na intemporalidade, na universalidade, no simbolismo, na aparente simplicidade e improntado o aderezo da súa prosa cunha musicalidade e ritmo, que semella, que para o autor – tal como especificou en oacasións- o escribir é escoitar: un acto máis musical que intelectual. Hai influencias na súa obra, segundo opinións contrastadas, de Kafka, Beckett, Woolf, Tral… e logo da esculca do libro “Trilogía”, xurdiron referencias a Tabucchi con Sostiene Pereira, a Saramago en “Toos os nomes”, a Paul Auster en “Trilogía en Nueva York” ou as sensacións que esperta a historia lida con claras connotacións literarias como o Naturalismo, o Expresionismo, o Tremendismo, o Existencialismo ou o Teatro do Absurdo.

Trilogía é un conto para adultos, un conto tradicional, con atisbos de relato oral, ao xeito das narracións que se facían ao redor do lume (convén saber que non é unha novela realista), onde o autor quere contar a espiritualidade e a perda da inocencia.

O libro preséntase en tres partes vencelladas (Viglia, Los suñeos de Olav e Desaliento). Fosse rétanos a ler o libro tendo que enfrentarnos a dúas situacións: unha primeira, sórdida e pesada, que describe cruamente a soidade do ser humano; unha segunda, hipnótica, que pretende adentrarnos na meditación existencial.

As pretensións aludidas si se concretaron nos nosos comentarios do desasosego, do deprimente, da frialdade, do distanciamento, do desacougo pasou, na gran maioria, a esa lectura adictiva, máxica, misteriosa e espiritual chea de simbolismos: a moza e o vello, sen nomes, simbolizando quizais a luxuria e a tentación frente a cobiza e a culpa; a Lei –así con maiúscula- que non vai a acougar; o vo –o amor dos mozos- e o gran vo –a arte-; a presenza de mortos que participan nas vidas -hai referencias de que Fosse asevera que recibe visitas fantasmagóricas.

A consideración de entender o libro como un conto tradicional –aceptando que do sofrimento e a anguria en niveis de intensificación máximos pásase a bálsamos ou lenitivos atemperantes- o observamos con dous elementos significativos: por unha banda, o amor dos mozos que xenera sinerxias positivas; por outra, a chiscadela do autor, que ao final do libro fai un índice onomástico, onde aparece, dúas xeneracións despois, un personaxe, de nome semellante ao escritor, Jon, que podemos especular nun Premio Nobel, artista e laureado, que mellor remate para un relato tan despiadado, que abrir unha luz nas tebras.

Só resta falar da musicalidade [con imaxes tan plásticas e poéticas como as que evocan as descricións das sensacións que produce a música] e da estrutura [co narrador único e omnisciente en terceira persoa que asiste puntual e notarialmente a todo o episodio e intercalado con diálogos e monólogos –a xeito de texto dramático e cun fondo que lembra A cantante calva ou Esperando a Godot- con reiteracións e referencias moi primarias e dando paso a un punto e aparte, logo das conversas, iniciado con minúscula que abre e continúa o relato; un gran acerto, que facilita a lectura.

Despedímonos coa agridoce sensación que producen os libros que descansan en universos ricos, complexos, atormentados, singulares pero que engaden a boa escrita e un agasallo de suxestión novidosa. Quedamos emplazados con Manuel Rivas con Tras do ceo. Apertas literarias.