Asistimos 10 persoas á sesión do Club de Lectura para comentar “A noite das cebolas”, novela de Rosa Aneiros, xornalista e autora de abundante obra para adultos e público infantil e xuvenil. En ambos ámbitos, con premios importantes.
Ausentáronse os mellores alumnos do grupo por causas maiores, pero tanto Xabier, escritor avantaxado, como Xulio, ávido lector, tiveron a fineza de deixarnos os deberes escritos, que limos ao grupo Luísa e mais eu no local, e que a continuación resumo, agradecida, respectando as súas palabras.
De Xabier, as súas notas sobre a lectura:
O que máis aprecie do texto foi o coidado do léxico que é, para min, a principal virtude. A escritura literaria en galego precisa de más coidados ca unha simple conversa.
Entendín que a procura da beleza ás veces agocha unha violencia aterradora.
Un trazo secundario ben agradable é a presenza do raposo. Símbolo de calquera ser vivo que precisa, precisamos, de mantenza e confianza senón nos alcanza en sorte o cariño.
Entre os aspectos negativos, o principal foi a construción algo ríxida dos personaxes, agás Abril, que consegue a revelación e catarse do seu pasado traumático na lanterna do faro. Tamén pouco flexíbel o patrón idéntico do abandono da filla e fillo de Inés e Abril.
Outro detalle disonante: o caderno de Bastián (non se escribe con explicacións tan íntimas). E mesmo a conversa telefónica entre Inés e Isabel, máis literaria que familiar: Pouco verosímil.
Final aberto a certa reparación, reencontro cos fillos que alivia as vidas de Abril e Lisco.
Libro traballado que non rematou de me convencer.
En palabras de Xulio:
Aprecio a novela coma unha obra madura, de complexión potente na busca de termos precisos, plásticos e evocadores.
O primeiro acerto é ser quen de desembocar, ao remate, nunha fraternal aperta.
O segundo, o virtuosismo literario da súa escrita, un doce para o pasal.
En terceiro lugar, única desconformidade coa autora, pois considero que cadra todo demasiado ben, o que lle dá unha pátina de artificio, facendo perder, en parte, a frescura do devir do relato.
E sen caer no sentimentalismo, o apagamento definitivo da protagonista, que muda en esperanza e optimismo, obríganos a despedila cun conforto ben salientable.

O resto da cuadrilla lectora abondou nas mesmas opinións anteriores, engadindo algunhas outras:
Quere a autora que saibamos que coñecía Nova York? Cal é o motivo para nomear tantas rúas ? Tamén cargou moito as tintas sobre A noite estrelada.
Resultou excéntrico cruzar cada ano o Atlántico para ir recrearse no mesmo cadro? Un relato pouco verídico.
No diálogo nos primeiros encontros de Abril con Lisco apreciouse certa falta de respecto.
Demasiados personaxes sen desenvolverse de todo.
Algunhas vidas semellaban de folletín. O mundo cinematográfico tiña pouca consistencia.
Como a súa mellor amiga, que lle criou o fillo, e era a súa confidente, non veu coidala ao faro, aínda que llo prohibira? Como se entende que lle conte a Isabel nunha conversa telefónica o seu pasado como se ela non o soubese? Mesmo Abril, estaba ignorante de todo ?
O léxico, nalgún caso, pareceu pouco natural, mesmo retrousos dabondo repetidos como caghonanoiteescura ou palabras como desaqueloutrar a cada pouco.
Que Leo chamase á súa filla Abril, coma a súa nai, foi un agasallo, como remate feliz, para a avoa, mesmo para as avoas que participamos na lectura…

Como remate: o lectorado quedou contento de telo lido, pois foi agradable para a maioría. Cada capítulo era unha motivación para, ao fin, saber se o cultivo das cebolas daría colleita ou se estragaría…