Economía feminista. Sobre epítetos, oxímoron e outros paradoxos. Como pode ser que o enfoque da economía non sexa feminista? Disto, e de moito máis, falaron con nós Coral del Río e Amada Traba. Foi o xoves 19 de outubro na Casa Galega da Cultura

2023-10-19 Economia Feminista

Amada envíanos unha pequena recesión da súa intervención para que quede constancia do que se falou no acto e para poder consultala no momento que queiramos.

Economia Feminista
Economia Feminista Público

Dous momentos do acto

Que é a economía feminista? Amada Traba

A análise económica con perspectiva de xénero, co seu corolario de aplicación política, perspectiva que critica o enfoque dominante, tamén chamado ortodoxa, é dicir, androcéntrico, aquel que non ten en conta ás mulleres nas achegas, nas cargas e por suposto nas recompensas.

As críticas fóronse facendo a medida que se profundou teórica e empiricamente nas orixes e nos efectos das distintas desigualdades de xénero e a súa conexión coa economía. Os anos oitenta (1975 Conferencia ONU sobre a muller México) supuxeron un impulso e nos noventa afianzouse coa creación da IAFFE. Os logros son a visibilización e denuncia das desigualdades de xénero na distribución de cargas e recompensas. Ofrece unha visión alternativa ao enfoque ortodoxo androcéntrico, nomeadamente ao que conecta co capitalismo neoliberal, incorporando análises sobre o desenvolvemento e a globalización con perspectiva de xénero e ecoloxista.

Neste sentido, foi fundamental visibilizar e denunciar as desigualdades de xénero nos aspectos básicos da economía que teñen que ver directamente co sostén da vida, consecuencia dunha división sexista do traballo, que cargou ás mulleres co traballo do coidado e co doméstico, outorgándolle unha consideración desvalorizada e, polo mesmo, non recoñecida e non recompensada ao quedar fóra do mercado. Este traballo gratuíto, desequilibrado e desigual permite que os varóns gocen do privilexio de poder ocupar o espazo público e o traballo asalariado e, deste modo, garantir a viabilidade da acumulación capitalista.

As inxentes horas de traballo das mulleres quedaron fóra da contabilidade e das estatísticas, tanto no tempo traballado como no seu valor monetario. O froito do enfoque feminista foi que se mellorara a recollida de datos e comprometer ás institucións gobernamentais. Hoxe a ONU inclúen este obxectivo nos seus programas. En liña con isto, numerosos estudos analizan os usos do tempo para avaliar o reparto do traballo e do ocio entre mulleres e homes. Este reparto desigual repercute na situación de desigualdades noutros ámbitos e prevalecen no mercado de traballo (conciliación, segregación ocupacional vertical e horizontal, fendas salariais.

A economía feminista cuestiona o discurso dominante no capitalismo sobre a racionalidade do comportamento do homo economicus. Este suposto asume que a conduta humana procura a maximización da ganancia individual e a acumulación de beneficios, rendas, ou outros tipos de remuneración, sen ter en conta outros obxectivos como o desexo de prestar un servizo á comunidade, a solidariedade, a harmonía social, etcétera. Algo que move cantidade de traballo no mundo.

Nese sentido rompe coa visión positiva do crecemento continuo e co consumismo como motor da economía sen considerar os seus negativos efectos ambientais e a insostibilidade do mesmo.

En definitiva, a economía feminista pregúntase sobre que é a economía e cal é o seu obxectivo. A resposta apela á construción do benestar social para todas as persoas e do ben común.