O pasado xoves 25 de maio tivo lugar a primeira edición do roteiro Entre esculturas; esta actividade, organzinada polo Anteneo Atlántico, o Instituto de estudos vigueses e a Fundación Xoán Piñeiro, tiña como obxecto poñer en valor o patrimonio de esculturas da nosa cidade. Esta primeira saída foi arredor da praza de As Travesas.
Comezamos o roteiro na praza Xoán Piñeiro, a carón do busto do escultor. A encargada de presentarnos esta obra foi Cuqui Piñeiro (Fundación), filla do autor e garante do legado de Piñeiro desde o seu taller en Goián.
Desde a propia praza contemplamos a monumental Vixe do Carme de Raúl Comesaña (sete metros de altura e 25 toneladas de peso), no cume da igrexa do mesmo nome. Mercedes Bangueses (IEV) comentounos diversos aspectos artísticos e históricos desta obra.
A seguinte parada foi na praza da Independencia. Aquí, José Luís Mateo (IEV) iluminounos sobre o conxunto escultórico Heroes da Reconquista, de González Pola. Esta obra representa a Pablo Morillo no máis alto e a Cachamuíña, co machado, golpeando a porta de Gamboa. Mateo falounos da historia da nosa cidade e, tamén, da historia viaxeira da escultura; aprobada en 1909 por mor do primeiro centenario da Reconquista, no comezou a súa execución ata 1921 e habería de esperar ao ano 1947 para a súa inauguración. A súa ubicación inicial foi en A Pedra; posteriormente pasaría á praza de España, á praza do Rei, e, xa definitivamente, a esta praza da Independencia.
O roteiro levounos ata a praza de América. Aquí, Bangueses tomou de novo a palabra para comentar a escultura O emigrante, de Camilo Nogueira, obra de 1971 que pasa por ser a derradeira do escultor vigués. Fixo, tamén, a presentación da Porta do Atlántico.
Xa para rematar, e diante da súa monumental Porta do Atlántico, o escultor Silverio Rivas fixo unha lembranza da xénese e significado desta fermosa obra, icona do Vigo actual. Inaugurada en 1990 como centro dunha fonte que representaba o Atlántico, e que servía como homenaxe ás persoas emigrantes, anos despois foi modificado o entorno para facilitar o acceso peonil. A obra mantén a súa estrutura con tres elementos que proceden dun mesmo bloque de bastalto extraído das canteiras de O Porriño; a peza central, no medio da praza, e outras dúas que trazan o eixo Gran Vía – Avenida de Castelao.
A ruta, concebido como un paseo á descoberta dos barrios da nosa cidade e da súa arte escultórica, foi un rotundo éxito e fixo as delicias das numerosas persoas asistentes que quedaron enantadas.