O 12 de abril de 2023 reunímonos 22 persoas do club de lectura para debater sobre O muiñeiro ouveador de Arto Paasilinna. Tivo moi boa aceptación, pareceunos unha sátira moi lograda que denuncia a sociedade actual, en especial ás autoridades que a gobernan e algunha das institucións, en especial aos manicomios, a policía e a banca.
O personaxe do muiñeiro é un tolo adorable, traballador, enxeñoso, tenro que non ten bo manexo da ira e que ouvea estrondosamente cando está sobrepasado. Pasa por multitude de aventuras das que sae airoso pola grande intelixencia coa que reacciona. Convive coa natureza de xeito respectuoso e namora apaixonadamente da asesora agraria. Hai outros personaxes entrañables como o policía veciño ou o carteiro borrachuzo.
Lese facilmente porque ten unha prosa áxil, directa, de feito pensamos que podía ser un libro axeitado tamén para o público xuvenil.
O final da novela resólvese dun modo fantasioso que suscitou moitos comentarios.
Estivemos de acordo en que de un xeito humorístico e livián deixa un enorme pouso polas denuncias que suscita, polas descricións marabillosas dos bosques e ríos da Laponia sempre presentes, polo valor da amizade e o amor e porque propón unha valoración das persoas diferentes . O tolo visto de preto é moi cordo, mentres que as autoridades “cordas” e deshumanizadas están cheas de tics e manías. O cómico e o dramático están maxistralmente tecidos nesta novela.